Opinión

O faro / Valente campión. Campión valente

O faro

O faro pendía do ceo cun fío invisible de dignidade e enteireza. A brisa mesturábase nun cóctel co aroma do mar e a herba. Xuntos os tres, suavizaban a dura base granítica da costa. María abriu os narnos e aspirou con forza a humidade do cabo, coma se quixese xear o seu corazón cun pequeno furacán interno. O xornal que levaba na axila falaba dela. Contaba unha historia de vello que non se adaptaba aos tempos de agora, á realidade de loba que compartía o seu segredo. Doeulle a cabeza, e por un imperceptible momento pareceu marearse e extraviar o equilibrio. Rescatouna de novo o vento, con pequenas labazadas de xeo que lle recordaron onde estaba e para que.

Fíxose noite moi axiña, cunha escuridade inesperada e prematura. Pensou no día da morte do seu marido, e comezou a correr polo cabo, sobre a herba, máis alá do faro, por entre as rochas e os restos metálicos de naufraxio que sobrevivían no esquecemento. Correu coma se fuxise do mundo, do seu marido, da torre e do torreiro, do xuízo, do fiscal, e dunha sentenza absolutoria á que ninguén lle daba creto. Correu coma se esa noite quixese cear co demo. Correu cara o mar.

Unha lancha motora de gran potencia abarloou as rochas, conducida por un home intenso, de brazos fortes e complexión morena. Ela subiu á embarcación e, a reloxo parado, sacoulle un bico profundo e severo. Despois amarrouse ao seu torso e deu a orde de partir.

A esposa do capitán, a muller infiel e solitaria, a amante do fareiro, a acusada absolta, a asasina verdadeira, a xefa do clan dos colombianos, a bolboreta de ferro, todas elas sorriron e perdéronse no horizonte á busca da próxima descarga. 

Javier Fernández Davila 
CEIP Humberto Juanes (Nigrán)
(Finalista destacado na categoría de adultos)


Valente campión. Campión valente

A palabra que máis escoitara Roque na última semana fora campión. Na porta da escola, no parque, na tenda ou na rúa, sempre había alguén que o recoñecía e lle lembraba a súa fazaña do ano anterior.

Quedara primeiro da súa categoría no cros da vila, e iso que el era o máis novo. Dende aquela, moitas persoas arelaban a repetición do feito. Roque gozara coa carreira, pasárao ben, correra cos amigos, fixera outros novos e, por fin, quedara demostrado que a rapazada da súa escola era máis rápida ca a dos outros coles da vila.

Chegou o día e todas as miradas estaban postas nel. O home do bar do lado da súa casa saíu desexarlle sorte. O da panadaría e as mozas do quiosco tamén. A mensaxe, sempre a mesma: "Moita sorte, campión. Dálles duro, valente. Roque, ti podes con todos. Forza, Roque, Forza". As palabras non saían da boca dun Roque emocionado. O corazón latexáballe con forza. Seus pais mirábano e facíanlle pequenos xestos coa cabeza e as mans, dicindo non ten importancia. Os tres da man dirixíronse ao centro da vila.

Na praza principal estaba xa todo aquelado para a saída. Moitos pais estaban alí e chamábano para que se achegase: "Veña, campión, a nosa escola gañará outra vez!".

Roque achegouse a un portal da praza. Ao da escola de baile da señorita Fina. Un gran cartel ocupaba a cristaleira. Hoxe sábado, Master Class especial con Madame Espagar. Entrou. Unha muller cun tutú de cores e un gran moño na cabeza foi recibilo.

Roque volveu a cabeza cara a seus pais, que dende fóra levantaron os brazos como sinal de vitoria. 

Paula Fernández González 
CEIP da Espiñeira (Aldán)
(Finalista destacada na categoría de adultos)

Comentarios