Feijóo: "Non serei refén de ningún partido, nin tan sequera do meu"

O presidente da Xunta foi proclamado como candidato do PP nun acto en Vigo
Núñez Feijóo en Vigo. SALVADOR SAS
photo_camera Núñez Feijóo en Vigo. SALVADOR SAS

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, proclamou este sábado que non será "refén de ningún partido, nin tan sequera do meu", e describiuse como "un candidato libre" que só se debe aos galegos "e nada máis".

No acto da súa proclamación como candidato celebrado no Auditorio Mar de Vigo ante unhas 500 persoas, Feijóo, que se volveu a emocionar ao declarar o seu amor e respecto por Galicia, que "o é todo", afirmou tamén que non concorrerá ás eleccións do 5 de abril para "liderar un bloque de partidos". Preséntase, engadiu, "para ser o presidente dos galegos sen excepción", con independencia do "que pensan, o que sentan e voten a quen voten".

"Quero ser un presidente libre para defender aos galegos e cumprir os compromisos. E como queremos unha Galicia libre, non quero unha Galicia gobernada polas imposicións de ninguén", reiterou. Incidiu en que, actualmente, a política acostuma "a dividir en bloques", pero matizou que o proxecto do PP de Galicia "non pertence, nin o pretende, a ningún bloque", senón que está pensado "para a maioría dos galegos".

Feijóo tamén garantiu que non ofrecerá o que critica dos seus adversarios políticos: "Divisións, imposicións, intransixencias, sectarismos, inestabilidade, nin escorarnos cara a esquerda ou dereita". "Preséntome para dar estabilidade, representar o entendemento da maioría de galegos, gobernar para todos e deberme só aos galegos. Direino todos os días", aseverou.

Comentarios