Feijóo recalca que o 40% dos lumes se declaran con nocturnidade

O presidente da Xunta responde ao fiscal delegado de Medio Ambiente, quen asegurou que "só o 3 ou 4% son dolosos"

Vista de un incendio en el parque natural del Xurés. AEP
photo_camera Vista de un incendio en el parque natural del Xurés. AEP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este luns os datos achegados polos especialistas en incendios, "que levan décadas traballando no sector forestal" e que sinalan que "máis do 40%" dos lumes forestais comezan "cando os medios aéreos non poden voar, normalmente pola noite". 

Así respondeu o líder autonómico a preguntas dos medios sobre as palabras do fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, quen este domingo, nunha entrevista á Cadena Ser, concluíu que entre un 70% e un 80% dos incendios que suceden en Galicia son intencionados, pero "só o 3% ou o 4% deles teñen intención de facer mal".

Neste contexto, Feijóo dixo que "non vai entrar en se a intencionalidade é dolosa ou é culposa", pero si insistiu en que "pola noite os incendios non se activan". E é que, tal e como explicou, sobre a noitiña "non hai lumes e, con todo, á media noite, á 1,00 ou 2,00 da madrugada, empezan os lumes". 

"Iso non o digo eu, dino os profesionais de extinción, que saben perfectamente cando empezan os incendios forestais porque saben como mobilizarse", recalcou.

OS MEDIOS "MÁIS POTENTES QUE TIVO GALICIA NUNCA". Así as cousas, Feijóo lembrou que a Xunta ten "probablemente os instrumentos máis potentes que tivo Galicia nunca" en materia de extinción, entre eles o plan de limpeza de franxas de seguridade ao que xa se adheriron 177 concellos. 

Non en balde, o líder do Goberno galego tamén apelou á "responsabilidade" dos propietarios para manter as súas terras, aínda que a Xunta "pode entrar a limpalas" pasando a factura aos titulares. "E mesmo se a factura supera o valor catastral, que esas terras pasen ao patrimonio público", aseverou.

Comentarios