A feira de Barro retoma a actividade con menos postos e máis protección

Tan só a metade dos feirantes poden acudir a vender cada domingo A xornada de sol e calor limitou a afluencia de xente no primeiro día
Un posto de calzado da feira, este domingo pola tarde. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un posto de calzado da feira, este domingo pola tarde. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A feira de Barro, unha das máis famosas da comarca de Pontevedra, volveu este domingo por fin á actividade tras o parón por mor da crise sanitaria provocada pola covid-19. Aínda que durante a tarde de onte o ambiente foi de normalidade e sen incidencias salientables, as máscaras de protección facial e máis espazos baleiros do habitual destacaron entre as medidas de seguridade implantadas polo Concello de Barro para minimizar o risco da celebración do evento, que ten lugar os domingos.

Así, o que máis se fixo notar foi a ausencia da metade dos postos, xa que para distribuir o espazo con garantías de seguridade, o Concello acordou turnar aos feirantes. É dicir, cada domingo acuden ao mercado 45 postos, a metade do total, e os outros 45 ao domingo seguinte, de xeito que os primeiros postos que acudiron este domingo á feira son os que tiñan asignado un determinado lado da beirarrúa, e o seguinte domingo poderán estar os do lado contrario, para facilitar a separación de dous metros requerida entre cada posto. Ademais, para facer posible isto, o Concello tamén determinou reducir un metro a cada un deles, polo que agora contan con menos espazo para expoñer as mercadorías.

O domingo de sol e calor fixo que non todos os postos asignados para o día acudiran nesta quenda, xa que tamén se viu reducida a previsible afluencia de xente, algo que contribuiu a evitar masificacións e que desenvocou no beneficio dos asistentes, que puideron gozar dunha xornada do máis tranquila. A pesar disto, os textís e o calzado foron os protagonistas da xornada e os elementos máis buscados polo público que quixo renovar o armario de verán despois dun confinamento sen oportunidades para pasear polos postos e facer as compras.

Para asistir á feira, o Concello deixou claro que é imprescindible o uso de máscara protectora, e respetar en todo momento o percorrido estipulado, que é en dirección única, polo que para os indecisos non cabe a posibilidade de volver atrás, senon que deben completar todo o percorrido. As persoas usuarias deberán acceder pola rúa As Baladas e saír pola rúa Areal. O Concello tamén recomenda permanecer no mercado o tempo imprescindible para realizar as compras.

Con todo listo para o seguinte domingo de feira, tan só falta por concretar que pasará coa taxa que deben abonar os feirantes, unha medida que aínda está pendente de resolverse, posto que so poderán acudir a vender a metade do mes, se ben dende o Concello xa aclararon que "eles saben que non haberá problema" neste sentido.

Ponte Caldelas, o segundo día de feira, con téxtil
Ao segundo intento, Ponte Caldelas por fin acadou unha relativa normalidade na súa feira. Onte xa houbo moita presenza dos postos de téxtil que, tras unha nova negociación co Concello, puideron reubicarse no paseo fluvial.
 

Comentarios