Félix Juncal: "Esta é unha etapa que para min representa un reto e un desafío"

Aínda que o nacionalista está inmerso nas conversas con Xulio Villanueva, de ACB, para conformar un bipartito, adíanda que xa se xestou un programa de goberno en coalición

Félix Juncal, na Praza Massó de Bueu. MELISSA GÓMEZ
photo_camera Félix Juncal, na Praza Massó de Bueu. MELISSA GÓMEZ

CANDO XA está practicamente confirmado o Goberno en coalición con ACB, Félix Juncal, alcalde de Bueu, móstrase entusiasmado por esta nova etapa que acaba de comezar, na que asumirá, el mesmo, algunhas áreas que nos mandatos anteriores delegou noutros concelleiros.

Finalmente haberá bipartito?
Eu o que teño é que reafirmar esa vontade de conseguir un Goberno estable que pasa inexorablemente por unha coalición. Nós inicialmente plantexamos un Goberno tripartito. No seu momento o grupo socialista manifestou que non quería entrar en coalición e polo tanto as conversas desde ese momento estanse centrando no grupo de ACB, con Xulio Villanueva. Xa levamos varias reunións a través das comisións negociadoras e non hai grandes discrepancias, máis ben todo o contrario, hai grandes coincidencias, e polo tanto máis pronto ca tarde eu confío en que poida haber un Goberno bipartito. Loxicamente hai que ser respectuoso tanto cos prazos como coas dinámicas e cos mecanismos e órganos de cada organización. E polo tanto, tanto en ACB como no BNG levaremos aos nosos respectivos órganos ese documento que está a punto de pecharse e que sería un programa de Goberno para os próximos catro anos. E se así o avalan e é posible neste caso compartir o Goberno, nós e eu como alcalde estarei encantado.

Entón, todo apunta a que si, que haberá bipartito.
Pola parte do BNG si. Agora queda saber o que opina a outra parte.

"Levarei directamente a xestión dalgunhas áreas que non delegarei (...) Isto débese a un compromiso persoal"

ACB propuxo, como condición indispensable para pactar un Goberno en coalición, levar a cabo o seu programa electoral. Houbo algún punto conflitivo nas negociacións?
Nada. Non me atrevería a dicir nin que foran negociacións, porque nunha negociación hai dous puntos de partida que están distanciados e que hai que buscar un punto intermedio. Eu creo que aquí para nada. A través das conversas apreciamos que si hai grandes coincidencias. E polo tanto, é cuestión de unificar certos criterios e estratexias, pero en definitiva hai moitos puntos en común e da aí xurde ese programa.

Loxicamente, aínda non se celebrou o Pleno de organización do novo Goberno. Podería adiantar que área vai ceder a ACB? Que dedicacións exclusivas haberá?
Aínda non hai un acordo pechado e polo tanto que poidamos presentar publicamente. O que si é certo é que non hai nin houbo ningunha dificultade para que ACB asumise o protagonismo que quixera. En canto ás dedicacións, a intención é manter a situación actual, unha dedicación exclusiva e tres parciais. Non se pode dirixir un Concello con cada vez máis volume de xestión, de traballo, de asuntos que hai que tramitar, sen que haxa persoas con tempo e con adicación. Nestes doce anos incorporáronse persoas con dedicacións, en maior número das que había anteriormente, e sen embargo a evolución económica do Concello foi moi positiva, o que demostra que hai persoas realizando traballos e xestión e iso é bo para a Administración.

Que lectura fai dos resultados electorais? Pensa que a candidatura de Elena Estévez puido roubar votos ao BNG?
A análise que se pode facer a día de hoxe pode coincidir co dito no primeiro momento. É certo que non é o resultado que nós queríamos e buscábamos e que confiábamos en conseguir a pesar de que eramos conscientes de que ía a haber unha perda de votos e posiblemente de número de concellerías, por diferentes razóns. Unha delas é que o PP activou a súa estrutura incorporando a unha persoa como é Elena Estévez. Con todo, pasando os días e as semanas un valora moito máis o resultado, ve as partes positivas dun resultado electoral que nos permite asentarnos nunha posición en este caso como primeira forza política e con practicamente o 45% do electorado, concorrendo cinco listas electorais. Despois de doce anos de Goberno, nunha etapa moi complicada non só no Concello, senón a nivel económico e noutras administracións, a pesar de todo iso fomos capaces de apostar por unha modernización da Administración. Fomos un dos primeiros concellos en incorporar e poñernos ao día coa administración electrónica, e todo ese esforzo posiblemente prexudicou en parte a imaxe do funcionamento dalgún servizo. Por iso, podemos entender que o motivo do retroceso electoral fose debido a causas internas e outras externas que obedecen máis a un rearme posicional de determinadas forzas políticas, neste caso o PP; ou pola coincidencia tamén das eleccións despois das xerais.

Temeu en algún momento non acadar a Alcaldía?
Cando un está en política e xa leva a súa traxectoria, moitas vivencias e experiencias e situacións moitas delas de difícil entendemento e explicación, como puido ser no seu momento unha moción de censura, está preparado xa para calquera situación futura ou calquera eventualidade. Non era algo que nos obsesionase, todo o contrario. Sería asumido coa máis absoluta normalidade. Pero tamén é certo que sempre confiamos na posibilidade de seguir gobernando, en minoría ou en coalición.

No discurso de investidura vostede dixo que que o BNG foi quen de construír un novo Bueu no tempo que leva á fronte da Corporación. Como era antes e como é agora?
Sobre todo noto un cambio social e de comportamento. Bueu era un pobo que eu cheguei a calificar como deprimido, no sentido de que tiña unha autoestima colectiva baixa. Víamos como o resto dos concellos avanzaban, ían medrando e en Bueu dificilmente eramos capaces de ir a un ritmo minimamente necesario. Pasamos desa etapa, na que era un concello casi inerte, parado, que tiña moi baixa autoestima, a un que nestes momentos ten un pobo dinámico, participativo, moi reivindicativo e inconformista. Fomos capaces de avanzar en todos os ámbitos. Pero si é importante que a cidadanía entenda que chegar ata aquí non foi doado e que tampouco o é mantelo.

"É importante que a cidadanía entenda que chegar ata aquí non foi doado e que tampouco o é mantelo"


Haberá Félix Juncal para rato?
Esta é unha etapa que para min representa un novo reto e un desafío. Espero traballar estes catro anos desde a Alcaldía, asumindo incluso directamente a xestión dalgúns asuntos. Polo tanto que haxa Félix Juncal para rato ou non non depende só de min, senón tamén do BNG e do que eu entenda que é a opinión do pobo. Se a maioría considera que Félix Juncal debe seguir sendo o seu representante seguirei séndoo.

A que asuntos se refire?
Aínda está pendente o organigrama do Goberno, pero levarei directamente a xestión dalgunha área que non delegarei. Isto débese tamén a que ao ser menos concelleiros hai que redistribuír todo o traballo e o esforzo, pero basicamente é por pura convicción e por compromiso persoal.

Comentarios