Blog | Non tes tu fe

Feliz solsticio de inverno

Luces de Nadal nas rúas de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Luces de Nadal nas rúas de Pontevedra. RAFA FARIÑA

POR SANTA Lucía mingua a noite e medra o día, di o refrán. A tradición cristiá coincide, día arriba día abaixo, co solsticio de inverno, un fenómeno astronómico un chisco máis antigo co cristianismo e coa festividade do Nadal, pese a que algunha xente, polo que se ve, debe pensar que o mundo tal e como o coñecemos empezou o 25 de decembro de hai 2019 anos.

A historia non é nova, repítese cada ano en comentarios como os do pontevedrés que se queixaba nas redes sociais de que nas luces de Nadal da Boa Vila non se vía ningún motivo da tradición cristiá. Nin un triste anxiño tocando a trompeta na rúa Michelena, nin un pastorciño de camiño ao portal, como as famosas bonecas de Famosa (valla a redundancia) na praza da Verdura. Xa me estraña, porén, que non saíra ninguén reclamando a instalación dun belén na Ferrería. Ben, os 20 anos de lorismo acaban notándose.

O Nadal ten un significado distinto para cada unha de nós

É neste punto cando adoita saír á palestra esa parte da poboación que se considera católica, apostólica e romana reivindicando que o Nadal é unha festa cristiá e que, como tal, así debe celebrarse. Con anxiños, pastorciños, nacementos con mula e boi como Deus manda (e non ese invento de Ada Colau), Reis Magos de Oriente seguindo unha estrela e misa do galo. Con pampanitos verdes, hojas de limón, la Virgen María madre del Señor. E paréceme moi ben, porque se algo teñen estas datas é que se poden amoldar a todo tipo de crenzas, de familias e de opcións vitais. Por iso non acabo de entender esa teima que teñen algunhas con apropiarse destas festas e que ven incoherente que os "ateos" as celebren. Eses mesmos ateos que non renuncian a librar un día santo, serán falsos. (Nota: non é o mesmo un festivo que un día santo, xa me entenden).

Máis incoherente me parece que dentro desta garda preta das máis férreas tradicións xudeocristiás se atopen esas persoas que 2019 anos despois do suposto nacemento do Mesías non tolerarían unha parella de inmigrantes sen papeis e lles darían nos fuciños coa porta da pousada (e das súas casas), por moi de parto que estivera a muller. Non todo o mundo é así, afortunadamente.

Por iso non está de máis lembrar que o Nadal non vén sendo nada máis que unha apropiación das celebracións na honra de Saturno, implantadas polos romanos, que despois se fixo coincidir co solsticio de inverno para tratar de anular aqueles ritos paganos. De feito, a primeira vez que se conmemorou o nacemento de Xesús foi uns catro séculos despois de tal efemérides. Foi o papa Xulio I o que estableceu a data do 25 de decembro, pese a que cada experto aposta por unha data para fixar a auténtica data do alumbramento, baseándose en distintas análises, desde os textos bíblicos á posición dos astros. Xesús puido nacer en marzo ou en setembro.

Para o caso que nos ocupa, o Nadal significa unha cousa distinta para cada persoa. Para uns é o cumio do cristianismo; para outros é a excusa perfecta para volver á casa, para atoparse coa familia e coas amizades e para coller dous avións para un día de reunión. E hai quen mesmo aproveita para coller ese voo pero en dirección contraria, a un destino o máis exótico posible. Para uns é un momento de celebración recollida e para outros a ocasión de aparcar a dieta e botarse aos panettones e ao turrón de chocolate. Para uns é a hora de colaborar con mercadiños solidarios e para outros o tempo de ateigar centros comerciais e queimar a tarxeta de crédito. E case podería dicir que todas esas cousas non son incompatibles entre si.

Porque hai un Nadal para cada unha de nós. Lémbreno.

Comentarios