Imprimir

'Feminazi', de Diana López Varela, faise co premio do público no Festival de Ourense

Belén López / Europa Press | 06 de Diciembre de 2018

Diana López Varela (esquerda) dirixindo aos protagonistas de 'Feminazi' durante a rodaxe. ALICIA FRANCÉS
Diana López Varela (esquerda) dirixindo aos protagonistas de 'Feminazi' durante a rodaxe. ALICIA FRANCÉS

O traballo supón o debut na dirección da guionista pontevedresa, que tamén participou na escritura e adaptación de 'Memorias de un hombre en pijama', recoñecida co premio á Mellor Produción Galega

A opera prima de Diana López Varela (Barro, 1986), Feminazi, vén de facerse cun premio no Festival de Cine de Ourense. Esta curtametraxe, que parodia tópicos do feminismo, non foi o único recoñecemento ao traballo de López Varela en Ourense. O festival tamén premiou, como Mellor Produción Galega, Memorias de un hombre en pijama, película que adapta un cómic de Paco Roca e na que López Varela participou como coguionista.

Polo demais, o filme polaco Mug, dirixido por Malgorzata Szumowska, foi o gañador do premio Calpurnia á mellor película da vixésima terceira edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense ( OUFF) polo "seu atrevemento visual e narrativo" a través dun "retrato da sociedade polaca nun momento complexo onde a identidade social condénase". Así o anunciou este mércores o xurado da sección oficial do evento cinematográfico, composto por María Bardem, Virginia Yagüe, Jon Goitia, Laia Marull e Eduardo Galán, nunha rolda de prensa que tivo lugar no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

TRANSPLANTE. O filme elixido, de 91 minutos de duración e interpretado por Mateusz Kosciukiewicz, Agnieszka Podsiadlik, Malgorzata Gorol, Roman Gancarczyk, Dariusz Chojnacki, Robert Talarczyk, Anna Tomaszewska e Martyna Krzysztofik, relata o drama do transplante de fronte dun mozo que saca á luz o peor dun pequeno pobo polaco.

Dentro da sección oficial do OUFF, tamén foron galardoadas La mujer de la montaña, premio Carlos Velo á mellor dirección "por manter unha aposta decidida cunha dirección imaxinativa, audaz e dinámica"; e Capharnaüm, premio especial do xurado "por ser unha gran produción con evidentes valores de dirección que consegue facer dunha pequena premisa persoal unha crítica universal".

Así mesmo, neste apartado, o xurado concedeu dúas mencións especiais: ao filme Cría puercos por "tratar a soidade e o abandono na vellez encarnado por unha memorable Concepción Márquez", e á película Tódalas mulleres que coñezo por "expor un debate interxeracional sobre o medo que viven as mulleres na nosa sociedade e que entre todos non soubemos resolver".

O primeiro premio do concurso de curtametraxes OUFF en curto, dotado con 1.000 euros, foi concedido para o filme The Widow, dirixido por Noelia M. Muíño. O xurado, formado por Manane Rodríguez, Marta Pérez, Manel Rodríguez, Clara Coira e Jonny Wolfmor, considerou a "calidade" dunha ficción "ambientada en en unha época pasada" na que se elabora un relato sobre "a violencia contra a muller" de forma "sutil e alegórica".

Cando mamá pechou as caixas levou o segundo premio, dotado con 500 euros, pola "naturalidade e emoción" dunha peza documental que trata as consecuencias "aínda explícitas" da crise económica que "se ceban especialmente" con persoas como a protagonista da historia.

AROUSA.  Ademais, o xurado concedeu unha mención especial á película Mariñeiro, dirixida por Juan Galiñanes, pola "calidade da súa historia" que, a través dun falso documental, "relata as experiencias múltiples dos mariñeiros de Arousa na voz dun único personaxe".

Doutra banda, o premio do público, dotado con 500 euros e concedido polos asistentes ás proxeccións desta sección, recaeu en Feminazi, película dirixida por Diana López Varela, que conta a historia de Rocío e Manu, unha parella feliz de 30 anos, que enfronta o espertar da conciencia feminista na muller.

AISGE. Finalmente, dentro do "OUFF en Curto", Aisge (Asociación de Actores e Intérpretes) entregou dous premios: mellor interpretación feminina para Rosalía Castro por Mouras e mellor interpretación masculina para Xosé Eirín polo filme Limbo.

O premio do público da sección de longametraxes do Festival de Cinema Internacional de Ourense foi concedido a Capharnaüm, que se impuxo nas votacións cunha nota de 4,77 sobre 5 puntos (por encima de A muller da montaña -4,40-, Tódalas mulleres que coñezo -4,33-, e The miseducation of Cameron Post -4,21-).

Finalmente, o Premio Galicia da Xunta de Galicia á mellor produción galega foi para Memorias de un hombre en pijama, e o Premio á mellor banda sonora (fóra de concurso), que se dá en colaboración coa SGAE, foi para Mar de terra.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/feminazi-diana-lopez-varela-faise-co-premio-do-publico-festival-ourense/201812061429231012599.html


© 2018 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)