"A fenda dixital non se arranxa comprando tres ordenadores por cada instituto"

Os centros organizan o reparto dos "equipos con conectividade" cedidos pola Xunta, unha medida que a Fanpa califica de "ridícula"
2020041012493579719
photo_camera Alumnado traballando con ordenadores nunha aula. DP

"A fenda dixital non se arranxa comprando tres ordenadores para tres alumnos de cada centro. Iso é irrelevante. Non son suficientes, pero é que tampouco se reduce a iso", manifestou onte o presidente da Federación de Anpa da provincia de Pontevedra (Fanpa), Rogelio Carballo, quen tamén está á fronte de Confapa, a confederación galega.

A Consellería de Educación adquiriu mil "equipos de conectividade" a distribuir entre os máis de 300 centros de Secundaria de Galicia coa intención de solucionar a fenda dixital entregándollos a estudantes que os precisen para desenvolver a teledocencia. O reparto foi meramente aritmético, polo que a cada CPI ou IES lle tocan tres ordenadores con conexión wifi. E son os propios equipos directivos os que deciden os destinatarios que os precisan. A Xunta indicoulles, unicamente, que se dará preferencia ao alumnado de 2º de Bacharelato, seguido do de 4º da ESO.

No IES A Xunqueira II, con máis de 600 estudantes, priorizouse a seguir ao de 1º de BAC e de 3º da ESO, "entendendo que todo o alumnado de 1º e 2º da ESO xa dispón do equipamento E-Dixgal". A maiores, explicoulle o director, Juan Carlos Pérez, ao claustro, poderíase entregar equipamento de reserva ou máis antigo do que dispoña o centro, segundo a demanda. "Temos seis propostas —explica Pérez— unhas para portátiles e outras para liña de datos".

No IES Valle Inclán tamén sons os titores, "os que mellor coñecen a situación das familias", os que informan do alumnado que pode precisar os equipos "e logo aplicamos os criterios económicos e de aproveitamento", sinala a súa directora, Pilar Freitas. "Só son tres ordenadores e hai que priorizar".

No caso IES Luís Seoane solicitouse ás familias que realizaran as súas peticións, incluindo na prioridade de curso a 2º dos ciclos de FP, mentres que no IES Torrente Ballester tamén están sendo os docentes os que xestionan o reparto. "Temos catro ou cinco casos", apuntou o director, Enrique Egea, quen lamentou o "reparto salomónico" dos equipos, pois "haberá centros que necesiten moitos máis". Neste instituto a "desigualdade social nótase moito máis en Secundaria", pois hai alumnado que, polas súas circunstancias vitais, nin sequera se plantexa estudar Bacharelato. "ai familias que non é que non teñan wifi, é que non teñen nin casa, xa que viven nunha chabola".

AVALIACIÓN. O presidente da Fanpa cuestiona, ademais, que a Xunta considere que entregando estes equipos xa subsana a fenda dixital, pois "non se pode dar un ordenador a xente que nunca o tivo e pretender que o saiba utilizar como expertos".

Así mesmo, lamentou que na mesa sectorial organizada para abordar a situación derivada da Covid-19 non se conte para nada coas familias, "nin con Confapa nin coas Anpas Galegas", polo que non puideron trasladar que esta medida. Tamén reiterou que "non se pode facer avaliación do temario" impartido mediante a teledocencia, xa que "se supón que a educación é universal. Con un só alumno que non puidera, o sistema quedaría invalidado".

Comentarios