Un ferido de consideración no choque frontal de dous vehículos en Ponteareas

Tres persoas necesitaron asistencia sanitaria tras outra colisión en Cabana de Bergantiños
2018100812040228778
photo_camera 2018100812040228900

Unha persoa sufriu feridas de consideración nunha colisión frontal entre un coche e unha furgoneta rexistrada este luns en Ponteareas. No sinistro tamén resultou ferida de carácter leve outra persoa, atendendo á información divulgada pola central de emerxencias do 112. 

O choque rexistrouse na estrada PO-403 na parroquia de Angoares, e provocou que un dos ocupantes quedase atrapado no interior dun dos vehículos. Así as cousas, foi necesaria a intervención dos Bombeiros-GES de Ponteareas, que rescataron a persoa e facilitaron a asistencia ao persoal sanitario.

Foi un particular quen contactou co 112 Galicia ás 18.30 horas do luns para alertar do sinistro e pedir a asistencia dos servizos de emerxencias. Ademais de bombeiros e sanitarios, participaron no operativo a Policía Local e a Garda Civil.

Tamén se rexistrou unha colisión en Cabana de Bergatiños, onde tres persoas necesitaron asistencia médica. Neste accidente, ocorrido na medianoite en Cundíns, os vehículos implicados foron dous turismos.

A central do 112 alertou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, GES de Ponteceso e Protección Civil.