Os festivais de Locarno e San Sebastián fichan 'Trote', a longa sobre o curro da rapa de Amil

A primeira película de ficción do director de Xove estrearase en Suíza o 8 de agosto e na sección Zinemaldia a finais de setembro

María Vázquez e Celso Bugallo. EP
photo_camera María Vázquez e Celso Bugallo. EP

Hai un ano por estas datas, Xacio Baño (Xove, 1983), comezaba a rodaxe da súa primeira longametraxe de ficción, Trote, no curro da rapa das bestas de Amil, en Moraña. Xusto doce meses despois pode celebrar que a película será estreada internacionalmente no Festival de Cine de Locarno, en Suíza, o día 8 de agosto, e que a finais de setembro se proxectará na sección Zinemaldia do Festival de Cine de San Sebastián.

Xacio Baño regresará ao festival suízo –xa estivo coas súas curtas Ser e voltar e Eco– e estará acompañado por parte do seu equipo, entre eles, a súa protagonista, a actriz da Barrela (Carballedo) María Vázquez e a produtora Luisa Romeo, de Frida Films.

A historia de Trote parte dun guión do propio Baño e do novelista Diego Ameixeiras. É a historia de Carme, interpretada por María Vázquez. Filla de e irmá de. Alguén que vive nunha aldea ao coidado da súa nai e co seu pai, co que case que non se comunica.

Sinala Xacio Baño que é unha película "moi pensada en preprodución" e rodada "con moi poucos planos". É unha ficción, pero está "moi condicionada pola realidade", polo curro, "ao que vai xente de todo tipo, que non sabe que vai haber unha película; non podes coreografiar o movemento, saen moitas escorzos, calugas, poucas caras e máis costas... a linguaxe aseméllase á do documental, pero esta é unha historia de ficción".

Comenta o director que tivo a sensación de que a película "se fixo a si mesma" en parte, polo traballo dos actores. "Sentinme moi claramente apoiado. Non traballamos con grandes orzamentos, pero os actores empurraron, asumíronno como un proxecto especial; eu puiden facer a película moi tranquilo en gran parte grazas a eles", sinala.

A dose de tranquilidade veu tamén porque Trote é o primeiro filme no que Xacio Baño deixa a produción en mans alleas, concretamente nas de Luisa Romeo e Frida Films. Asemade, a película ten unha pequena coprodución en Lituania, de modo que acudiron á república báltica a realizar o traballo de son e imaxe. "Coñecémonos, gustámonos e alí estivemos durante un mes e pico, co noso galego".

Despois de Locarno e de San Sebastián –"Un escaparate importantísimo de cara á estrea en salas no mercado estatal"–, Xacio Baño confía en facer unha estrea en Galicia de cara ao outono e poder viaxar con Trote por outros puntos de Europa e do mundo, en diferentes festivais. "Tamén é un xeito de que se vexan os cartos públicos investidos", engade.

Preguntado pola coincidencia de que no mesmo ano se estreen dúas películas de dous directores dun municipio pequeno coma Xove –a súa e Nove de novembro, de Lázaro Louzao– chancea con se serán os superpoderes de Alcoa". "Disque Lugo é a mellor provincia, non?", incide en relación ao nacemento ou orixe luguesa dalgún dos cineastas galegos contemporáneos: Oliver Laxe, Eloy Enciso, Andrés Goteira, Lois Patiño, Jorge Coira; mesmo Diana Toucedo, que é de Redondela, filmou Trinta lumes no Courel.

Xacio Baño no se dá nin un respiro e este mes de agosto regresa a Xove para rodar unha cuta a partir dunhas cartas do seu tío bisavó durante a Guerra Civil e ten outro proxecto para gravar "postais de estranxeiros» de Santiago. E está aí no horizonte a súa vindeira longa, Ana e o futuro, "máis grande e máis ambiciosa".

Comentarios