Fexdega e o pavillón da Raña súmanse ao campus para acoller os exames da Abau

Ademais de Vigo, Pontevedra e Ourense, haberá probas noutros dez concellos do sur de Galicia  Examinaranse 5.500 estudantes, mil máis que en 2019, dos que 1.450 corresponden ao campus pontevedrés
Facultade de Ciencias Sociais, no campus de Pontevedra. ARQUIVO
photo_camera Facultade de Ciencias Sociais, no campus de Pontevedra. ARQUIVO

O Pavillón Universitario e, probablemente, o Recinto Feiral, sumaranse á Facultade de Ciencias Sociais para acoller aos estudantes da Abau. Tamén se realizarán estas probas nas instalacións de Fexdega (Vilagarcía) e no pavillón da Raña (Marín), segundo informou este martes a Universidade de Vigo.

As consecuencias da pandemia da covid 19 obrigaron a modificar as datas e condicións da Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade. Será do 7 ao 9 de xullo e a previsión é que se examinen nas comisións dependentes da UVigo 5.500 estudantes, o que supón arredor dun milleiro máis que na anterior convocatoria. Realizarán os seus exames, ademais de nos campus, noutros dez concellos do sur de Galicia, evitando así os desprazamentos masivos e minimizando a necesidade de empregar transporte público.

Nas comisións pontevedresas examinaranse 1.450 bachareis, fronte aos 1.080 do ano pasado

"Historicamente os exames tiñan lugar nos tres campus universitarios e na comisión da Rúa. Este ano decidiuse descentralizar algunhas comisións para evitar aglomeracións e traslados", explicou Luis Muñoz, delegado do reitor da UVigo na CIUG e actual presidente deste organismo encargado da organización das probas. Para a realización dos exames considerouse a utilización de espazos amplos con boa ventilación, onde se poida manter o distanciamento coa flexibilidade necesaria para un número variable de alumnos. Ademais deben ter boa accesibilidade para entrar e saír, preferentemente con mesas e cadeiras individuais.

"Estas condicións só se dan en aulas grandes, bibliotecas, comedores e en instalacións como pavillóns polideportivos ou recintos feirais, o que obrigou a pedir a colaboración de centros de ensino non universitario e dos concellos para poder utilizar as instalacións das que dispoñen", engade Muñoz, ao tempo que fixo fincapé en que cando se dirixiron tanto aos responsables dos centros educativos como dos concellos a acollida foi "excelente" e todos colaboraron dentro das súas posibilidades para establecer a comisión delegada e facilitar o seu funcionamento.

Nas comisións pontevedresas examinaranse 1.450 bachareis, fronte aos 1.080 do ano pasado. Uns 750 serán convocados nas aulas grandes da Facultade de Ciencias Sociais, o pavillón universitario e o Recinto Feiral, se ben este último aínda non está totalmente confirmado, posto que "non está rematado o plan de desconfinamento, polo que, en caso de non poder utilizalo, os exames faríanse no pavillón da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte", explica o delegado do reitor na CIUG.

Outros 700 alumnos examinaranse en dúas comisión establecidas en Vilagarcía de Arousa (550) e Marín (150). "En Vilagarcía todos os alumnos do Salnés examinaranse nas instalacións de Fexdega que, moi amablemente, puxo o concello a disposición da CIUG. En Marín, a sede da comisión estará no IES Illa de Tambo pero os exames terán lugar no pavillón da Raña", engade. O alumnado de Soutomaior examinarase en en Redondela.

Comentarios