O FICBueu abre o prazo para presentar obras ao Festival de Curtametraxes

A 11ª edición celebrarase entre o 7 e o 15 de setembro ► Poderanse enviar traballos ata o próximo 14 de abril

Gañadores da décima edición. DP
photo_camera Gañadores da décima edición. DP

A asociación FICBueu vén de abrir o prazo para a presentación de obras ao décimo primeiro Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 7 e o 15 de setembro co apoio do Concello, entre outras administracións e entidades.

As bases contemplan ata oito seccións paralelas, que se completarán unha vez resulten seleccionados os filmes do apartado oficial.

O prazo para o envío dos traballos permanecerá aberto ata próximo o 14 de abril, e por segundo ano consecutivo realizarase a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse curtas estreadas a partir do 15 de abril de 2016, cunha duración que non supere os 30 minutos.

O 15 de maio daranse a coñecer as obras escollidas, que no caso da Sección Oficial optarán a máis de 5.000 euros en premios, tendo en conta os destinados a centros educativos.

Un xurado internacional encargarase de outorgar as ánforas de ouro e prata, alén dos once galardóns artísticos e técnicos, mentres que un xurado estatal entregará os das mellores curtametraxes galega e española, aos que se suma o premio do público.

Por outra banda, o FICBueu convidará a asistir a representantes de todas as curtas da Sección Oficial, polo que este ano se volverá garantir unha destacada presenza internacional nos días do evento, segundo aseguran os responsables da organización. A esta escolma súmanse as seccións paralelas: Galicia, España, Animación, Comedia, Festival Invitado, Infantil, Latinoamérica e Premio de Honor, esta última como novidade nesta edición.

PROMOCIÓN. O obxectivo do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu é contribuír á promoción das mellores curtas realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional, así como ao impulso dos novos valores, prestando especial atención aos cineastas galegos.

No entanto, a organización está a traballar na configuración dun programa máis amplo, na liña do décimo aniversario celebrado o pasado ano, "que incluirá unha morea de actividades de carácter cinematográfico e cultural pensadas para distintos tipos de público", destaca a asociación.

A isto engádense as accións da área social do FICBueu, que xa están en marcha con diferentes colectivos, segundo asegura este colectivo.

Comentarios