Fina Casalderrey, escritora

"Tratei de que cada frase puidese conter o mundo"

Trala biografía de María Victoria Moreno que asinou xunto a Marilar Aleixandre, a escritora, a mestra, a académica, Fina Casalderrey volve á literatura infantil e xuvenil con 'A furgoneta branca', un álbum que publica en Xerais con ilustracións de Lucía Cobo. Este mércores preséntao en Pontevedra

Fina Casalderrey, en una imagen de archivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Fina Casalderrey, en una imagen de archivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"A ti que, coma Mahatma Gandhi, sabes que a grandeza dun ser humano coñécese pola maneira en que se compadece dos animais". É a adicatoria de A furgoneta branca (Xerais, 2019), o novo libro de Fina Casalderrey (Xeve, 1951), o seu regreso á literatura infantil e xuvenil en forma de conto ilustrado por Lucía Cobo. Nel a autora propón unha ollada chea de emoción e de profundidade sobre o cotián.

Quen é Pedro, o protagonista deste conto?
Pedro é un neno ao que lle gustan os animais. Observa a un cabalo cada día dende a súa ventá. Sabe que sempre está aí. É así, ata que un día non é. Só unha frase: "Mais hoxe non". Esta é unha historia sinxeliña. En apariencia, claro. Tratei de que as palabras estivesen moi medidas, de que cada frase puidese conter o mundo. É unha historia chea de silencios para que encha o lector.

A lucense Lucía Cobo é a autora das ilustracións.
Fixo un traballo que me parece delicioso. As súas ilustracións axudan a entender esas elipses das que falaba. Captou perfectamente cal era a historia.

"Que mágoa que o galego deixase de ser a lingua de moitas casas. Os idiomas non se enfrontan. Son os políticos e somos nós"

Elixe nesta historia mirar o mundo dende os ollos dun neno. Por que?
Porque quería contar esta historia xusto desta maneira, igual que outras veces escollín facelo dende a ollada dunha persoa maior como en Quen me quere adoptar?. Hai cousas que te conmoven porque che lembran a propia infancia. Son como inxeccións intravenosas directas á memoria. Volves ser a nena que recrutaba gatos e os levaba para a casa sabendo que primeiro che berrarían, pero logo ían quedar. A infancia ten unha ollada igual de intelixente que a adulta, pero moito máis curiosa. Ten algo de inocencia ao tempo que de ousadía. Gústame que sexa así. Porque a vida, ao final, é como unha montaña rusa: con momentos rápidos, con outros lentos, con momentos que che producen arrepíos e medos e tes que agarrarte, e outros máis suaves. Fíxate que aquí é probable que os adultos atopen unha elexía en prosa, unha historia triste, e os nenos e as nenas non. Penso que a súa lectura vai ser distinta.

Moi importante no álbum: o amor pola natureza e polos animais.
Está aí dende a mesma adicatoria. Os animais forman parte de descubertas prodixiosas. Na miña vida tamén. A unha gata débolle incluso o Premio Nacional de Literatura [por O misterio dos fillos de Lúa en 1996]. Se non tivese unha gata á que lle puxemos por nome Lúa tería escrito outra historia. Podería mesmo ser sobre unha gata, pero nunca sería igual.

Publica vostede novo libro no ano no que o Barómetro de Hábitos de Lectura deixou ese dato dun 4% de lectores en lingua galega. É unha autora optimista?
Son unha autora esperanzada. Quero pensar que eses datos non son tan así. Quero pensar que a lectura non é tan fácil de medir. Quero crelo, pero sei que algo de verdade hai. Vas aos centros de ensino e notas que non falan o galego coa naturalidade de hai anos, que tentan facelo, pero como deferencia contigo e que lle custa un esforzo terrible. Son tan absurdas esas cousas que se din de que o galego ou o euskera ou o catalán lle comen terreo ao castelán. Que barbaridade máis grande! Os que amamos o galego amamos as linguas. Non renunciamos ao castelán. Nacer con dous idiomas debaixo do brazo é unha riqueza inmensa. Que mágoa que o galego deixase de ser a lingua de moitas casas. Que mágoa que haxa quen pense que falar galego signifique estar en contra do castelán. As linguas non se enfrontan. Son os políticos e somos nós.

Presentación Con Óscar Ibáñez e Tamara Andrés

A furgoneta branca, de Fina Casalderrey

Fina Casalderrey presenta este mércores A furgoneta branca no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (19.30 horas). Acompañarana a ilustradora Lucía Cobo e o editor Fran Alonso, ademais de Fátima Ruibal. No acto participarán tamén a poeta Tamara Andrés e o gaiteiro Óscar Ibáñez.

Comentarios