Francisco Castro e Nieves Rodríguez, no Sexto Edificio a ritmo de valse

O editor e a presentadora foron os protagonistas de Visitas Cruzadas ▶ Ambos aproveitaron a súa traxectoria profesional para relacionala coas obras expostas

Nieves Rodríguez e Francisco Castro, bailando nunha das escaleiras. RAFA FARIÑA
photo_camera Nieves Rodríguez e Francisco Castro, bailando nunha das escaleiras. RAFA FARIÑA

"Eu viñen a este museo para bailar un valse con Nieves Rodríguez", confesou entre risos Francisco Castro, director xeral de Galaxia. A presentadora de Vaia Troula aceptou o convite e, no medio da terceira entrega desta edición de Visitas Cruzadas, ambos convidados bailaron no descanso dunha das escaleiras do Sexto Edificio.

Pero, máis alá da broma, a visita do domingo consisitía en descubrir o Museo dende os ollos de outros e nesta ocasión foron Francisco Castro e Nieves Rodríguez os que prestaron a súa perspectiva para interpretar algunhas das obras do museo.

Máis alá da súa experiencia como editor, Castro botou man da súa traxectoria como mestre de Filosofía, profesión que exerceu durante 18 anos da súa vida e que lle serviu para comezar a visita na planta baixa do edificio, que alberga as pezas máis antigas. reflexionando sobre o ser humano e "a nosa necesidade de deixar pegada no mundo". Deste xeito, falou do determinismo que levou ao ser humano a modificar pedras para construír ferramentas de caza "ao mesmo tempo e en todos os lugares do mundo, sen que puideran comunicarse". Falou tamén de como os habitantes dos castros fabricaron xoias ante o tesouro de Caldas e de como o ouro conquista a todas as culturas. "Todos perseguimos a beleza", resumiu o editor, que engadiu que o ser humano precisa da emoción porque "somos o único animal que se sabe mortal". Tamén amosou petróglifos, que reflicten a intención das persoas de perdurar no tempo a través da arte como unha "loita contra a morte".

Na segunda parte da súa visita, o editor visitou a sala que acolle algunhas das obras máis destacadas de Castelao. "A expresión da personalidade de Castelao é Galicia", contou Castro, que explicou que "todos queremos ser dalgún sitio, incluso quen nace no deserto quere volver á súa cova". Ademais, Castro alabou a arte de Castelao, que "tiña unha mensaxe para a súa época que aínda perdura". O editor concluíu cunha reflexión: "Todos sabemos facer arte aínda que nalgún momento alguén nos convencese do contrario. A arte é o que nos permite ser libres".

CASTELAO. Pola sala de Castelao pasou tamén Nieves Rodríguez, que definiu ao intelectual como "o arquitecto da conciencia nacional de Galicia". A presentadora contrapuxo a pintura de Castelao á doutros autores costumistas que reflectían unha imaxe de Galicia idílica e moi afastada da realidade mentres milleiros de persoas fuxían á emigración. "Castelao remexía, amosáballe á high class galega como era a realidade fóra", explicou. Previamente, amosou o cadro Festa galega, de Álvarez de Sotomayor, que amosa unha Galicia feliz e costumista. "Este cadro recórdame ao labor dos medios, que ás veces amosan unha imaxe idealizada da realidade", contou referíndose á súa época presentando De Galicia para el mundo. Aínda así, confesou que se sentía identificada coa obra xa que, ao ser presentadora de Vaia Troula, pasa a vida nas festas. Ao igual que cando era pequena, cando recorría as romarías coa súa avoa rosquilleira.

Rodríguez amosou cadros de Xesús Corredoira e Leopolvo Nóvoa e a escultura Galiza nai e señora, creada por Uxío Souto en 1926 e que leva o mesmo título que un dos poemas de Ramón Cabanillas. "O matriarcado galego non existe, pero as mulleres en Galicia si que tivemos un papel importante debido á ausencia dos homes emigrados", explicou referíndose á escultura que representa a Galicia no corpo dunha muller espida e que tamén sinalou Iria Pinheiro na anterior visita. "Todas debemos ser coma ela: valentes, vitoriosas e orgullosas. Por favor, sede bravas", pediu ás asistentes.

Comentarios