Francisco Conde opina que a situación que atravesa Ence é "incomprensible"

O conselleiro de Economía alerta da "gravidade e inseguridade xurídica" do cambio de opinión da Avogacía do Estado

Francisco Conde (Monforte de Lemos, 1968). DP
photo_camera Francisco Conde. DP

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, referiuse nunha xuntanza con simpatizantes en Viveiro, en Lugo, á "incomprensible" situación que está a atravesar Ence.

O titular de Industria alertou da "gravidade e inseguridade xurídica" que está a provocar que no ano 2016 a Avogacía do Estado adoptara a decisión de validar xuridicamente a súa ampliación e, "tan só dous anos máis tarde", este mesmo órgano considera que esta medida non se axusta a dereito.

"Isto é dunha enorme gravidade, pola inseguridade xurídica que xera, xa que, de forma inaudita, unha sociedade cotizada tenlle que explicar aos investidores internacionais por que se está producindo a situación de Ence. Fronte a este asunto, que está na Audiencia Nacional, nós defenderemos ao máximo esta situación porque Ence vertebra a todo o sector", sentenciou.

Comentarios