Gaita e tamboril na honra de Carlos Casares

O Campus de Pontevedra adianta a celebración do 17 de maio cun acto musical que serviu para presentar en sociedade ao grupo de música tradicional de Ciencias Sociais
Actuación de música tradicional diante de Ciencias Sociais
photo_camera Actuación de música tradicional diante de Ciencias Sociais

Soou a gaita na honra de Carlos Casares en Pontevedra. O Campus Universitario, como vén sendo habitual, foi o primeiro en comezar a celebrar o Día das Letras. Fíxoo este martes cunha actividade desenvolvida baixo o lema Música para Casares que, entre outras cousas, permitiu que debutara o grupo de música tradicional de Ciencias Sociais. As propostas continúan este mércores da man dunha programación cultural agrupada baixo o título Resaca das Letras.

O novo grupo de música tradicional naceu no Obradoiro de interpretación de instrumentos populares galegos. Foi o primeiro en actuar o martes diante da facultade de Ciencias Sociais en Música para Casares, unha iniciativa da Biblioteca Central do Campus. O director da agrupación, Luís Torres, que pertence ao Persoal de Administración e Servizos (PAS), e o profesor José Luis Sánchez Bolón son dous dos integrantes desta formación, «que reúne tanto profesorado e persoal do campus, como a estudantes e persoas alleas á comunidade universitaria», explicaba o Diario Dixital da Universidade de Vigo (duvi.uvigo.es).

Tamén participou no acto o coro que dirixe Marco Lucato. A actuación pechouse cunha interpretación conxunta por parte das dúas formacións.

Musica para Casares incluíu tamén a lectura de extractos de obras de Casares como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou Vento ferido, nunha serie de intervencións que, «como apunta o profesor Benigno F. Salgado, representaban os diferentes campos literarios que abordou Casares, desde o teatro ao relato, pasando pola poesía, a tradución ou os artigos», explica o Duvi.

Con esta proposta da Biblioteca Central do Campus, a Universidade comezou a celebrar, de xeito adiantado, o Días das Letras Galegas. A música foi a gran protagonista desta conmemoración levada a cabo ás portas de Ciencias Sociais e da Comunicación, que reservou un espazo para as verbas de Carlos Casares. Foron oito alumnas do grao en Educación Primaria as que deron lectura a diferentes textos do escritor.

RESACA DAS LETRAS. «O obxectivo desta actividade é celebrar o Día das Letras e facelo unindo esforzos, sumando iniciativas para facer unha festa común», salienta o técnico da biblioteca Héctor Castro, en palabras recollidas polo Duvi. A proposta serve ademais como prólogo á Resaca das Letras, un ciclo de actividades que celebra Ciencias Sociais e que se ve complementada por unha mostra bibliográfica na Biblioteca.

A Resaca das Letras abriuse este mércores coa conferencia A normalización do galego nos medios. Exemplos de anormalidade lingüística social e comunicativa, a cargo do filólogo e docente Matías da Torre. Despois chegan a actuación do grupo Oh! Ayatollah e un coloquio sobre a miniserie Vento ferido, realizada por alumnado da facultade. Presentaranse as publicacións Coolt e de O Salto Galiza e actúa a cantautora Sofía Espiñeira. O programa péchase co relatorio Liberdade, igualdade e normalización lingüística, do voceiro de En Marea, Luís Villares.

Comentarios