Galicia, Asturias e Castela e León protagonizan un cónclave da escola hostaleira

Pontevedra acolleu por vez primeira o Encontro Internacional de FP destas tres comunidades, xunto con Portugal ► Os representantes de Educación, que fixeron gala da súa boa sintonía, subliñaron a importancia da innovación e da FP de calidade

Foto de familia cos conselleiros, participantes da mesa redonda, representantes do CIFP Carlos Oroza e outras autoridades. DAVID FREIRE
photo_camera Foto de familia cos conselleiros, participantes da mesa redonda, representantes do CIFP Carlos Oroza e outras autoridades. DAVID FREIRE

Innovación e novas tendencias en sala foi o tema do III Encontro Internacional de Formación Profesional de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal que se celebrou o pasado mércores, organizado polo CIFP Carlos Oroza, aínda que o groso do programa se desenvolveu no auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe. Pontevedra acolleu por primeira vez este evento, que nas dúas primeiras edicións se celebrara en Santiago de Compostela.

Dentro do importante pulo que Galicia lle deu á FP nos últimos anos, destaca a potenciación da Rede Galega de FP de Hostalería -eduHostalaría Galicia-, integrada polos oito centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparten ensinanzas desta especialidade e que se atopan en Lugo, Foz, Pontedeume, A Coruña, Santiago, Vilamarín, Vigo e Pontevedra. Esta rede pretende ser un espazo dinámico, de innovación e intercambio de experiencias que favoreza o impulso dun sector clave para a economía de Galicia. Constitúe unha aposta decidida por dotar un sector cada vez máis competitivo de capital humano cualificado, como estratexia necesaria para acadar o liderado nacional e internacional.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación: Negar que a FP galega é unha porta aberta ao emprego é negar a evidencia. A inserción laboral é do 82%

En todos estes aspectos incidiu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na súa intervención na clausura do encontro, no que tamén falaron os seus homólogos de Asturias e Castela e León.

EMERXENTE. "Es una experiencia política de fraternidad, a pesar de ser consejeros de distinto color político", subliñou o representante castelán, Fernando Rey, quen amosou a súa admiración polas instalacións pontevedresas. "Son espectaculares, no las tenemos en Castilla y León". Así mesmo, apuntou que a FP "era la hermanita pobre y ahora no nos da más que alegrías" e que a gastronomía "es una rama emergente y explosiva y, en el caso de nuestras comunidades, también destaca por la calidad de los productos".

Genaro Alonso, consejero de Educación do Principado de Asturias: El éxito no es una casualidad, sino que es fruto del trabajo y de apostar por cosas nuevas

O "consejero" asturiano, Genaro Alonso, asegurou que o éxito "no es una casualidad, sino que es fruto del trabajo y, en el mundo de la educación, hay que crear cosas nuevas y apostar por las personas innovadoras", como la FP de calidad, "que faculta a los alumnos para desenvolverse en un mundo complejo y cambiante". A hostalería, apuntou, "es una alternativa de primer orden para un proyecto de vida digna". Destacou a "investigación y la capacidad de innovación" neste sector.

Rodríguez destacou o "éxito" da FP, tanto a nivel de alumnado como de calidade. En concreto, salientou a taxa de inserción laboral da familia profesional de Hostalaría e Turismo, a máis alta de todas a FP galega. Segundo o último estudo realizado, correspondente a alumnado que rematou a FCT en 2015, o 82,4% dos alumnos que cursaron un ciclo desta familia obtiveron un emprego.

Fernando Rey, consejero de Educación de Castilla y León: La FP era la hermanita pobre y ahora no nos da más que alegrías. Es una rama explosiva

Por outro lado, case un 16% proxecta crear a súa propia empresa nos anos seguintes ao remate do ciclo, o que demostra o alto espírito emprendedor neste sector. "Negar que a FP galega é unha porta aberta ao emprego é negar unha evidencia". Ademais, tamén lembrou a alta matrícula que congrega esta familia profesional, que se duplicou desde o curso 200809, pasando dos 1.923 a 3.600 alumnos nese tempo.

Un programa de luxo con representantes de Yayo Daporta, Mugaritz e Culler de Pau

O III Encontro Internacional de Formación Profesional de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal congregou no auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe a representantes de prestixiosos restaurantes de todo o país.

O programa abriuse co diálogo O camiño cara a unha experiencia gastronómica: da idea á sala, a cargo de Elena Arzak e Igor Zalakaín, directora de cociña e jefe de I+D do restaurante Arzak de Donosti, respectivamente.

Guillermo Cruz, xefe de sumilleres do restaurante Mugaritz, tamén de San Sebastián, falou sobre Investigación, creatividade e afán de superación do sommelier no século XXI. A personalización do servizo de sala: tres historias que contar reuniu nunha conversación a Esther Daporta (restaurante Yayo Daporta, de Cambados), Marta (O Balado) e Silvia García (Mugaritz). Javier Olleros, Óscar Quintana e Ana Rodríguez, do Culler de Pau (O Grove) impartiron a clase maxistral Fusión entre a cociña e a sala.

Despois dunha comida no Carlos Oroza, pola tarde celebrouse unha mesa redonda sobre alianzas estratéxicas entre centros de FP e o sector hostaleiro, con la participación de responsables de centros educativos de Portugal e Asturias. Interviñeron Ana Paula Pais, directora da EHT Coimbra e vicepresidenta da Asociación Europea de Escolas de Hostalería e Turismo; María José Campos, directora do CIFP de Hostelería y Turismo de Xixón e coordinadora do proxecto FPEmpresa, e Paulo Vaz Morais, director da EHT Douro-Lamego. Moderou a subdirectora xeral de FP da Consellería de Educación, Eugenia Pérez.

 

Comentarios