Opinión

Galicia, Galicia, Galicia…

Unha vez apousentado o tempo das eleccións autonómicas, e porque do mesmo xeito que a auga toldada nunca reflicte nada, tampouco o fai o ruído abouxador da maioría dos debates e mitins. Daquela visto o final da contenda, e unha vez constituído o Goberno galego, hai unha reflexión que é obrigado facer dado o resultado incuestionable do Partido Popular de Galicia, e cuxa estratexia de campaña non foi outra que á de escorar o discurso deliberadamente cara un galeguismo de centro dereita, facendo da cuestión identitaria o seu estándarte, e a súa grande afouteza, acadando unha maioría inapelable como nas mellores épocas de Fraga. Pero se a isto lle sumamos tamén o excelente resultado do BNG —fronte ao rexeitamento contundente das forzas políticas claramente españolistas e centralistas: Vox, Ciudadanos ou Podemos…— entón daquela vai resultar que a maioría das galegas e galegos poñen por diante a identidade nacional, como demostra o feito de que os votantes do PP tiñan por primeira vez outras opcións. Evidentemente no caso do nacionalismo político, o pensamento está estruturado ao redor da razón, pero no caso do Partido Popular os límites da súa propia realidade están determinados por un «ancho de banda» tal que destorce completamente a percepción que temos del, provocando unha serie de prexuízos e interpretacións que nos levan a facer análises errados. Porén, a maneira en que interpretamos o Partido Popular de Galicia, mesmo a percepción que teñen eles de si mesmos, remata por darlle forma a unha realidade trabucada. Daquela, a única maneira de poder interpretar ao PPdeG, é dende a física cuántica, porque, do mesmo xeito que o universo, é moito máis complexo do que somos quen de imaxinar, e non debemos quedar aprisionadas na eterna pregunta de porque se comporta de un modo tan caótico no seu discurso, porque daquela seguiremos sempre errando na análise política galega. 

Así como no experimento do gato de Schrödinger o que hai é un principio de superposición, trátase dun partido político de natureza "cuántica" que pode percorrer dous camiños distintos ao mesmo tempo. Nun momento dado pretende ser o PNV galego, daquela o Santo Grial tanto tempo buscado para consagrar a realidade nacional galega non radicaría no ámbito dos partidos nacionalistas clásicos. Resulta deste xeito que Feijóo sería o noso Urkullu, pero simultaneamente ese mesmo PPdeG no Congreso en Madrid deixa de defender os grandes problemas do país, malia a morea de deputadas e deputados que ten alí sentados —que se suman moitas veces, e cantas veces, sen ningún rubor ás voces máis negacionistas dun Estado plurinacional—. 

Neste mundo político cuántico todo é posible, xa que dista moito da clásica interpretación mecanicista donde todo é evidente e simple, e porque ambalas dúas realidades son simultáneas en Galicia aínda que pareza contraditorio, xa que como na mecánica cuántica a natureza do PP non está definida ata que non hai un observador, e non é o mesmo o de Galicia que o que está en Madrid. Evidentemente este principio de superposición provoca nos sabios racionalistas un grande desacougo porque desafía toda lóxica, pero esa coexistencia explicábama hai uns días un importante empresario dunha maneira máis sinxela: "somos nacionalistas en Galicia, pero non en Madrid para poder ter influencia", esto é o corolario da contradición cuántica colapsando a miña razón. 

Vou, xa que logo, procurar non seguir cuestionándome eternamente sobre a verdadeira natureza do PPdeG, porque nese caso estarei apresada nun bucle do que ata o de agora ninguén puido saír, e porque en definitiva ningunha forma de entender e ver as cousas é tan sagrada que non poida ser reconsiderada. Non vaia a ser certo aquilo que apuntaba o astrofísico Carl Sagan: "nalgún lugar, algo increíble agarda ser descuberto".

Comentarios