Galicia terá unha oficina física para asesorar a empresas ante o Brexit

Pide políticas industriais e non "experimentos" para dar estabilidade e favorecer o crecemento

Feijóo, en la Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Feijóo, en la Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres a apertura dunha oficina física (sen concretar a súa localización) para ofrecer asesoría e información ás empresas ante o escenario do Brexit. Así o trasladou o titular do Executivo galego nun acto en Vigo con empresarios, no que sinalou que esta oficina virá complementar a recentemente posta en marcha plataforma dixital para empresas que xestiona o Igape, e na que as compañías poden recibir un informe diagnóstico da súa situación e recomendacións ante o Brexit. 

Núñez Feijóo avanzou que Galicia contará cunha oficina física para axudar ás empresas neste sentido, e mesmo sinalou que, en función de como se desenvolvan os acontecementos, a Xunta non descarta abrir outra oficina "en Londres" para darlles ás compañías "información en tempo real". 

Por outra banda, e en declaracións aos medios durante unha visita a unha empresa en Ponte Caldelas, Núñez Feijóo volveuse a referir á reinversión do superávit (125 millóns de euros no caso da Xunta de Galicia do exercicio de 2018), unha proposta "chea de sentido común". "É un diñeiro de Galicia, e non o podemos gastar por cumprir a normativa estatal. O lóxico é que, finalizado o exercicio, déixennolo gastar en Sanidade e outros servizos públicos", aseverou, e salientou que se trata de que as Comunidades Autónomas poidan facer o mesmo que se fixo en 2018, e o mesmo que poden facer os concellos. 

Comentarios