'Give it a spin' e 'On' fusiónanse para por en 'Replay' a vida

A raíz do avanzado do seu embarazo, a danza contemporánea de Rut Balbís no Artes Vivas vén de reformularse
Balbís actuando. MANU LAGO
photo_camera Balbís actuando. MANU LAGO

Unha das propostas para o programa de Artes Vivas da xornada deste mércores vén de sufrir unha modificación. Así, o espectáculo de danza contemporánea de Rut Balbís programado para as 21.30 horas na Praza da Ferraría xa non será Give it a Spin. No seu lugar, a proposta que trae a bailaría é Replay, cuxa interpretación correrá a cargo de Alba Fernández Cotelo. Un cambio que o estado de xestación avanzado de Balbís é quen de explicar: "Debido a esta particulariedade na que me atopo eu agora, decidimos colaborar con outra compañía para facer como unha especie de fusión de dous espectáculos, que se reconvirte nun novo para nós. Replay é unha combinación de dous espectáculos, de unha colaboración de dúas compañías de danza, de Pisandoovos e de Exire. Neste caso con Alba, que é a intérprete desta peza. As que fusionamos son Give it a spin e On, a peza de Alba".

Unha fusión que decidiron nomear Replay, segundo relata, "como para darlle unha volta e volver pulsar ese on, tras este momento de parada forzosa que tivemos todas, pero dun xeito diferente e que nos permitise continuar, tamén co noso espectáculo, coñecendo así a máis bailarinas e máis compañías e linguaxes de danza de Galicia".

O espectáculo deste mércores pola noite consiste nunha peza de danza, duns 25 minutos de duración, seguida dunha pinchada dun DJ de música electrónica, doutros 25 minutos. Unha proposta que, segundo apunta Balbís, "nós a facemos desde Give it a spin, que é sempre unha peza de danza acompañada dunha sesión de DJ. Neste caso, en vez de ser interpretada por min, é por Alba, e aproveitamos para incorporar a súa peza dentro da nosa estrutura, que seguirá sendo danza e sesión DJ". Pero o DJ tamén forma parte da primeira parte de proposta máis escénica, "hai como un intercambio entre os dous e un momento incluso de momevento conxunto do que fai parte tamén o DJ. Desde o principio están os dous en escena, solamente que ao final queda o DJ para desfrutar un pouco da sesión".

Sesión durante a que este mércores, coma no resto de actuacións escénicas, o público quedará confinado ás súas cadeiras : "Pola normativa para manter a distancia de seguridade, o público seguramente non se poida poñer a bailar na sesión DJ como quixéramos. A idea era que na parte final o público si que puidese, por suposto, desfrutar dunha sesión onde te podes mover e bailar. Neste caso, queda máis entre eles dous o diálogo e a interacción". Con todo, Balbís asegura que "a proposta é desfrutable e accesible para todas. Interésanos moito que o público, sexa cal sexa, se atope co espectáculo e que poida gozar del, volvendo a convivir co directo".

Comentarios