Opinión

Greta Thunberg e Donald Trump

A ESTUDANTE e o presidente. Tan diferentes, tan semellantes. Comparten a casa. Son da familia humana. E pertencen á mesma especie: a do humano sabio, homo sapiens. Representan dúas caras distintas do humano. A cara brutal da ignorancia climática ao servizo de escuros intereses económicos. E a luminosa cara da rebeldía contra a cobiza que ameaza a casa común. Greta co carteliño cada venres diante do parlamento de Estocolmo, ‘Skoltreijk for klimatet’ é semente dos ‘Fridays for future’ que se estenden polo mundo da man dos estudantes. Loitan polo futuro e polo presente de todos. Bachilleres mobilizados contra a crise climática, contra o envelenamento do planeta, o único fogar que temos... pero co talón de Aquiles de non renunciar ao consumismo.

As tarefas escolares desta rapazada consisten en non asistir a clase os venres e sentarse diante dos gobernos para obligalos a actuar fronte aos intereses de industrias sucias que prohiben respirar aos seres vivos. Vinteún rapaces demandantes: ‘Juliana contra o goberno dos EE.UU.’ que coas súas accións poñen en perigo os dereitos constitucionais, a vida e a liberdade. "Non queimedes o noso futuro!", berran adolescentes australiáns contra a pasividade do goberno ante a desfeita climática e contra o primeiro ministro que quere máis ‘aprendizaxe’ e menos activismo nas aulas. Ou de como seguir apostando polo carbón para que non suba a electrecidade aínda que o planeta afunda. Cegueira política fronte á clarividencia adolescente. Anuna de Wever e Kyra Gantois lideran miles de estudantes contra a parálise do Goberno belga esixindo medidas para facer fronte á crise climática. Para que serve aprender a conxugar o futuro dos verbos se non vai a haber futuro das persoas?

Aquí, a mobilización da rapazada vai necesitar moita imaxinación. Porque os nosos líderes semellan empeñados en mostrar unha estatura política cativa diante dos grandes desafíos. Máis atentos ás bandeiras, cainismo, redes clientelares e pantagruélico apetito de poder que malgasta arelas e diñeiros da cidadanía.

Os científicos acenden luces vermellas coas emisións de CO2, destrución de ecosistemas, sopa química que envelena aire, terra, auga, pel de plástico que envolve os mares, a desaparición de bosques autóctonos, colapso da bicharada miúda. Pero os gobernos non atenden estas chamadas urxentes. Máis que negadores do cambio climático semellan ignorantes culpables e interesados, cegos que non queren ver pero levan ao abismo.

Greta pide sacrificios: non imos poder vivir así moito tempo. O que reclama esta adolescente éche o mesmo que din os científicos. As luceciñas acesas pola rapaza sueca esténdense polo mundo. Cada noticia de Trump envelena a casa. Cada noticia de Greta mantén viva a esperanza.

Comentarios