"As herbas gárdanse todo o ano porque disque espantan ás meigas"

Carmen Arribas, veciña de Lourido de 84 anos, vende ramos de San Xoán todos os anos 
DAVID Venta de sardiñas no Mercado. Igual vai Sara., martes, 23 jun · 12:00–13:00
photo_camera DAVID Venta de sardiñas no Mercado. Igual vai Sara., martes, 23 jun · 12:00–13:00

Loureiro, árnica, fiúncho, romeu, codeso e moitas máis. Os supersticiosos non deixan marxe á mala sorte na noite de San Xoán e conxuran para despistar os males. "Estas herbas gárdanse todo o ano porque disque espantan as meigas". Explicábao Carmen Arribas, veciña de Lourido de 84 anos cuxos ramos de San Xoán estaban este martes moi solicitados á porta do Mercado. "Moitos aniños levo eu facéndoos e vendéndoos", explicaba a muller, que cultiva na súa horta as herbas que vende.

"Son eu a que fai os ramos, teño todo plantado porque isto serve para moitas cousas, para infusións e moito máis", contaba Arribas. Sobre a tradición do ramo de San Xoán, explicaba a cada cliente, con paciencia, como empregar o manoxo de herbas na noite deste martes. "Non pode ser aínda de noite cando metas as herbas en auga, ben cubertas, teñen que pasar toda a noite fóra, ao aire e, pola mañá, o día de San Xoán, lavas o corpiño todo con esa auga, podes bendecir o coche con ela, ou a casa... é como auga bendita", resumía a muller mentres despachaba ramos. Hai quen, unha vez pasado o día de San Xoán, saca o ramo da auga e o deixa pendurado cara abaixo todo o ano para protexerse de males. A tradición di tamén que as plantas deben somerxerse en auga recollida de sete fontes diferentes.

"Eu cómprolle a verdura sempre e agora veño buscar estes ramos porque sei que son completos", explicaba unha muller mentres agardaba a súa quenda. A media mañá Arribas xa esgotara case todos os manoxos que fixera para a xornada e dosificaba como podía as herbas que lle quedaban.

A demanda era moita. Numerosas floristerías tanto do Mercado como do resto da cidade vendían tamén ramos de San Xoán. A tradición fala de sete ou 14 herbas diferentes con poderes máxicos que se unen ao poder sanador da noite de San Xoán. Saltar a fogueira, purificarse, recibir nove ondas no mar, ou lavar a cara coa auga de San Xoán son só algún dos ritos da noite máis curta do ano para atraer á sorte. "Cos meses que levamos haberá que comprar as herbas, non? Este ano fan máis falla que nunca", comentaba unha muller mentres agardaba para facerse con un ramo.