Herdeiros de María Victoria

▶ A editorial Urco presenta o venres 18 de xaneiro en Cronopios ‘O bestiario científico de Anxos Nogueirosa’, o volume que gañou a primeira edición do Premio María Victoria Moreno ▶ Antonio Manuel Fraga é o autor do texto, que se encargou de ilustrar Víctor Rivas

Portada do libro de Antonio M. Fraga. URCO
photo_camera Portada do libro de Antonio M. Fraga. URCO

"O oficio de escritor é un oficio solitario. Traballas só e non sabes se o que estás facendo lle gustará ou non a alguén. Os premios confírmanche que hai lectores aos que lles gustou o que fixeches. Se ademais ese premio leva o nome de María Victoria Moreno, vólvese especial. Máis aínda sabendo que esta era a primeira edición, o que che asegura que o teu nome quedará fixado na súa historia para sempre".

Antonio Manuel Fraga ve como estes días chega ás librerías o seu último traballo, "O bestiario científico de Anxos Nogueirosa" (Urco, 2019), a historia coa que gañou a primeira edición do Premio María Victoria Moreno, unha iniciativa que puxeron en marcha o ano pasado a editorial Urco e o Concello de Pontevedra, no marco das actuacións do Salón do Libro Infantil e Xuvenil da cidade. Precisamente, Antonio Manuel Fraga xa estivera vinculado ao Salón con outro título: "Escaquis e Romeu", que nacera por encargo do evento pontevedrés cando intentaba lanzar unha colección de títulos propia. "A miña vinculación con Pontevedra mantense ao longo do tempo. Sempre me sentín aí profundamente valorado e recoñecido. Estou moi agradecido".

O venres 18 de xaneiro (19.30 horas, entrada libre), Fraga, acompañado do ilustrador de "O bestiario científico de Anxos Nogueirosa", Víctor Rivas, e da editora de Urco, Andrea Jamardo, presentará o seu novo volume na librería Cronopios de Pontevedra. «Estamos moi contentos por todo o feedback que esta a ter este título, tan especial para Urco por tantos motivos», sinala Jamardo. "María Victoria Moreno supuxo unha revolución na nosa editorial en todos os sentidos".

sanatorio marítimo. "O bestiario científico de Anxos Nogueirosa" está ambientada en 1933 no Sanatorio Marítimo de Oza, onde vai pasar o verán Suso. Estando alí será cando se faga amigo de Tila. "En realidade, o libro recolle dúas historias diferentes, pero que casan moi ben entre si", explica a editora do traballo. "Ese encaixe dunha coa outra dá conta da mestría coa que está narrada a historia, que foi unha das razóns polas que acabou escolléndoa o xurado. É imposible quitar o sorriso da boca mentres estás lendo".

Fraga conta que el chegou ao antigo Sanatorio Marítimo de Oza a través dunha exposición na Coruña. "Alí comecei a interesarme en como funcionaba este centro a principios do século XX, en como viñan a parar aquí nenos de toda España para "robustecerse", que era exactamente a palabra que usaban para publicitalo", conta o escritor. "Así foi que imaxinei esta aventura dun neno e dunha nena que pasan alí o verán e acabei construíndo dúas historias que se van entretecendo".

O encargado de poñerlle imaxes á historia foi Víctor Rivas. "Foi xenial poder traballar con el. En realidade, chameino para saber se me podía recomendar algún ilustrador que puidese facerse cargo dos debuxos para a historia. Tivemos a inmensa sorte de que quixese involucrarse persoalmente no proxecto. O resultado foi marabilloso".

Comentarios