A iluminación da ponte de Rande enfronta de novo a Abel Caballero e Xunta

O alcalde mantén que é decisión do Goberno de Sánchez, namentres a conselleira Ethel Vázquez atribúelle a Feijóo a iniciativa

Ponte de Rande. DP
photo_camera Ponte de Rande. DP

A Xunta e o Concello de Vigo volveron a pór de manifesto este venres as súas diferenzas, e esta vez non foi polos investimentos na cidade, polo transporte metropolitano, ou pola candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, senón por unha cuestión máis prosaica: a iluminación da ponte de Rande.

Despois de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, xa puxese de manifesto que el mesmo trasladou esa idea a Audasa hai un ano, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, aproveitou a súa intervención durante a inauguración dunha exposición sobre a famosa ponte, "que non está propiamente en Vigo, pero é a ponte de Rande de Vigo", para deixar ben claro que esa iluminación é unha iniciativa do Goberno de España, en concreto, do Goberno de Pedro Sánchez.

O rexedor, en presenza da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez (que tamén acudiu á inauguración da mostra), fixo fincapé na importancia da construción da ponte para vertebrar o territorio, e tamén na importancia da ampliación, unha obra que subliñou, foi decidida polo goberno bipartito da Xunta, o goberno de Zapatero (con José Blanco como Ministro de Fomento), e el mesmo, como alcalde.

Abel Caballero, en declaracións aos medios após o acto, reiterou que a iluminación da ponte de Rande é "competencia, decisión, e con autorización" unicamente do Goberno de España. Segundo o alcalde, en Moncloa están "atónitos" polo "xesto de deslealdade" de Feijóo, de arrogarse unha actuación e anunciala, cando "a Xunta non teñen ningunha competencia sobre a autoestrada".

"COMPETENCIA" ÁS LUCES DE NADAL

Segundo o rexedor olívico, a intención do presidente galego ao anunciarse esa actuación era "facer sombra e facerlle a competencia ás luces de nadal" que ese mesmo día empezaron a colocarse na urbe olívica. Abel Caballero subliñou que el mesmo ten coñecemento desde hai tempo do proxecto da iluminación, e podería falar "moitísimo máis do que saben a conselleira e o señor Feijóo", pero que non o fixo, á espera de que sexa o Goberno central o que detalle a actuación.

"Corríalles moita présa anuncialo, e facelo o mesmo día que anunciamos a iluminación do Nadal", incidiu, e vaticinou que, dentro duns anos, acenderanse as luces de Nadal e as de Rande ao mesmo tempo, nun evento "que vai chegar a Nova York, Tokio,...a todas partes".

"PETICIÓN EXPRESA" DE FEIJÓO

Pola súa banda, a conselleira Ethel Vázquez incidiu en que foi o presidente da Xunta o que, en novembro de 2017, trasladou ao responsable de Audasa, César Canal, a idea de iluminar a ponte como emblema e icona da ría de Vigo e da cidade olívica. Segundo apuntou, a empresa está a traballar na iniciativa "por petición expresa do presidente Feijóo", e pediu os informes preceptivos da AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea).

Comentarios