Opinión

As industrias de enclave

Unha industria de enclave é aquela que se instala nun deserto industrial —do seu segmento ou deserto absoluto— por razóns de conveniencia empresarial. As razóns de conveniencia empresarial están ligadas ao cálculo que garanta que cos mínimos custos posíbeis se obteñan beneficios remuneradores do capital desembolsado e investido. O cálculo de custos ten a ver coas condicións concretas de instalación da factoría no sentido das condicións do territorio, do acceso ás materias primas, do acceso ao capital local que colaborar, do prezo da forza de traballo (e da docilidade, baixa regulamentación laboral, salarios baixos na economía de instalación…), da regulamentación medioambiental, é dicer, escasa ou permisiva, do degrau de colaboración institucional do poder político, traducido sempre en lexislación ao xeito, colaboración en infraestruturas, subvencións e subsidios, nível impositivo adecuado…

Non entra nos cálculos das compañías que realizan investimento estranxeiro directo —salvo os casos excepcionais de corrupción— criterio algún de amizade, compadreo ou sentido do bon facer ao resto do mundo. As compañías multinacionais que son as titulares do IED (Investimento Estranxeiro Directo), igual que planifican a longo prazo os investimentos novos, as novas instalacións, en calquer parte do mundo, planifican tamén a longo prazo a vida útil de cada factoría e, por tanto, do seu cerramento e desaparición. E non hai nada a facer —agás minimizar o impacto— para evitar o cerramento, desaparición ou traslado. 

Segundo iamos descrebendo os atributos característicos das industrias de enclave poderíamos ter anotado en cada unha delas os trazos que compuxeron a chegada e instalación do que hoxe é Alcoa en San Ciprián. Infraestruturas a cargo do Estado, nada menos que un porto feito de novo. Terreo barato e accesíbel. Man de obra barata e maleábel. Lexislación medioambiental: a máis laxa do continente europeo. Capital local disponíbel (as caixas de aforro e o capital público como socios locais). Acceso á subministración de electricidade garantida pola central das Pontes: prezo e cantidade seguras. Disposición institucional totalmente colaborativa en todos os níveis: local, provincial, autonómica e estatal: tanto en actuacións de investimento apropriado como en subvencións directas. Pagamento de impostos en Madrid, coa cobertura da contabilidade dunha compañía máis coñecedora que a propria Facenda pública dos interiores da empresa. Fóronse sucedendo os pasos arriba descritos e neste momento chegamos á fin da vida útil en San Ciprián. A mesma técnica de consumo eléctrico elevadísimo non existe en todo o hemisferio norte.

A fin da vida útil da factoría de San Ciprián débese á decisión planificada da empresa que coñece a vida dos seus investimentos e tamén á evolución do mercado do aluminio no mundo, con dúas novidades: a crise do 2008 reducíu a demanda e por riba entraron novos produtores moi competitivos, co que o prezo do aluminio producido aquí, tanto por razóns técnicas insalvábeis (enorme carestía da electrólise) como por razóns de mercado, non é quen de se valorizar como antano. Resumindo: Alcoa pecha e o único que se podía ter feito, ou aínda é posíbel facer, é localizar na zona empresas tuteladas e/ou participadas por capital público para dar emprego aos que van ficar sen el.

Comentarios