Iníciase a creación do pastizal de Valongo, de 35 hectáreas por 250.000 euros

Cen vacas de comuneiros e veciños que se adican á gandaría estrearán a instalación, que será financiada por Medio Rural
2020070320245898070
photo_camera A reunión, na que estaba tamén o director xeral de Gandaría. DP

A Dirección Xeral de Gandaría e Agricultura da Xunta vén de comezar as obras de creación dun pastizal na parroquia de Valongo, onde se vai proceder á preparación de 35 hectáreas cun investimento de 250.000 euros. A actuación vai favorecer o pastoreo do gando dos veciños e comuneiros.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, membros do Goberno local e representantes das firmas Tragsa e Emdesfor mantiveron unha xuntanza informativa, na propia zona dos traballos, cos veciños, comuneiros e gandeiros de Valongo. O Goberno local calcula que cen reses de gandeiros da zona poderán estrear as instalacións en canto rematen os traballos.

Este proxecto, afirma o alcalde, "xurdíu pola gran colaboración da comunidade de montes, tanto internamente como coa Xunta, o que permite que sexa o primeiro pastizal que se fai aínda que haberá moitos máis, especialmente no noso municipio, pola intención de apostar forte polo medio rural e por sistemas de pastoreo en extensivo, xa que non son contaminantes".

Os traballos teñen un prazo de oito meses de duración e consistirán nun desbrozado nun perímetro de máis de 3 quilómetros ata completar case 35 hectáreas e o roturado e sementeira da zona. Todo o espazo vai quedar perfectamente pechado e disporá de dous abrevadoiros e dous comedeiros para o gando e unha manga de 20 metros para realizar tarefas de saneado veterinario ou marcaxe coas reses. Trátase da primeira obra deste tipo que asume este ano a Dirección Xeral de Gandaría.

Comentarios