Internas de A Lama realizan un graffiti para "sementar pola igualdade"

"Cremos profundamente no poder transformador da arte para reivindicar as causas que merecen a pena", declarou Carmela Silva
Presentación del graffiti. DP
photo_camera Presentación del graffiti. DP

Implicar a un grupo de mulleres internas no Centro Penitenciario da Lama dende a acción artística para promover unha actitude crítica fronte á desigualdade, foi o obxectivo fundamental da elaboración do graffiti presentado este mércores no penal pontevedrés, ó abeiro da campaña institucional da Deputación de Pontevedra con motivo do 25 de novembro 'Sementando pola Igualdade'.

No acto de inauguración da peza de arte urbana nun dos muros do Centro participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a directora das instalacións penitenciarias, María Teresa Delgado, a artista Iria Fafián que coordinou o graffiti, e unha representante das internas que o levaron a cabo.

Así, esta obra de 8 metros de largo e 6 de alto, que amosa dúas mulleres apoiadas nas súas costas, simboliza o apoio, a confianza e, en definitiva, a sororidade, concepto do que partiu a artista coordinadora para vertebrar o mural. As mulleres internas, que colaboraron na elaboración e idealización do graffiti, plasmaron na parede as palabras "Respecto, forza, unión, loita e apoio". Deste xeito, a peza colectiva, que procura sensibilizar acerca das desigualdades existentes entre mulleres e homes, está inserida nas accións levadas a cabo pola Deputación no mes de novembro.

A presidenta provincial, Carmela Silva, departiu coas mulleres internas que participaron na elaboración do graffiti, ás que agradeceu o seu compromiso con esta acción colectiva. "Cremos profundamente no poder transformador da arte para reivindicar as causas que merecen a pena como a loita pola igualdade e a súa capacidade de denuncia", dixo Silva, quen mostrou a súa emoción pola colaboración das mulleres internas e a súa vontade para colaborar con esta acción artística.

Presentación del graffiti. DP (2)

Na presentación do mural do cárcere da Lama, as participantes recibiron bolsas da Escola María Vinyals que inclúen unha camiseta da campaña contra as agresións sexuais, os dípticos desta campaña, pulseiras de tea de 'Mulleres en acción. Violencia Zero' e un libro de María Vinyals.

Comentarios