Imprimir

"Iremos ás municipais coa marca de Podemos pero buscaremos alianzas"

Iria Figueroa | 16 de julio de 2018

José Ramón Otero, portavoz de Podemos Pontevedra. DAVID FREIRE
José Ramón Otero, portavoz de Podemos Pontevedra. DAVID FREIRE

O voceiro da formación morada en Pontevedra afirma que non renunciarán a levar o seu nome na candidatura que presenten ás Municipais de 2019, o cal se percibe con reticencia entre algúns dos outros sectores de Marea Pontevedra, que non ven con bos ollos modificar a fórmula unitaria coa que concorreron en 2015

José Ramón Otero é o portavoz de Podemos Pontevedra, partido que se presentará ás Eleccións Municipais de 2019 co seu propio nome pero que aposta pola creación dunha coalición.

Como analizan as críticas que entenden que Podemos pode estar rachando coas candidaturas de unidade popular?

Non as comprendemos. Nós realizamos unha enquisa entre os nosos inscritos en Galicia na que se amosaron favorables a presentarnos sós en todos aqueles concellos nos que non existise unha candidatura consolidada, como poden ser Compostela Aberta ou a Marea Atlántica. Non obstante, sós unicamente significa que iremos co nome de Podemos; polo demais, estamos traballando nun programa ao que se pode sumar quen queira. De feito, a nosa idea é sempre a de sumar forzas falando con todas as forzas afíns, por iso nos sorprende que, estando nós abertos a falar o que sexa, a Marea Pontevedra diga xa de entrada non ao diálogo con nós.

Consideran que os cidadáns poden percibir con decepción a existencia de candidaturas separadas entre Podemos e Marea Pontevedra?

Non contemplo que iso aconteza. Agardo que Marea Pontevedra se sume ao diálogo e poidamos construír en común, porque efectivamente a ruptura da unidade sería unha pésima noticia. Penso que non nos queda outra que entendernos entre nós. Se finalmente non fose posible e tivesen que existir dúas candidaturas, creo que ao votante lle tocaría escoller e que Podemos sen dúbida ten a súa entidade, os votantes preguntan por nós. De todos xeitos, en ningún caso nos imos presentar sós. Iniciamos contactos con varios partidos politicamente achegados a nós e estaremos en situación de anunciar o resultado destas conversas proximamente.

 

Coalicións
"En ningún caso nos imos presentar sós. Iniciamos contactos con varios partidos politicamente achegados a nós"

 

Existe cohesión no seo de Podemos Pontevedra con respecto a non renunciar á marca?

Si. Ao igual que os votantes buscan a Podemos, os inscritos tamén demandan unha maior referencialidade.

Criticaban vostedes nun recente comunicado a visita dunha delegación da Coordinadora de En Marea, na que se atopaba Luís Villares, a un acto en apoio a Marea Pontevedra.

Efectivamente. Entendemos que cando alguén representa a un colectivo non se debe posicionar en favor de ningunha parte. Cremos que esa actuación da Coordinadora foi desafortunada.

Teñen algo xa adiantado do programa para as próximas Municipais?

Temos algunhas liñas xerais deseñadas, pero o programa vai requerir de moita elaboración porque sempre é máis difícil presentar un proxecto cando o que está no goberno está próximo politicamente e está facéndoo ben, como é o caso do Bloque en Pontevedra. Non obstante, existen certas carencias a nivel social que hai que mellorar e o noso programa centrarase moito niso, en resolver os problemas da xente. O feminismo tamén estará no primeiro plano do programa, dámoslle moita importancia.

Cales serían esas carencias sociais ás que hai que prestar maior atención?

Cuestións como a asistencia a maiores, o feito de que non se satisfaga a demanda de atención a menores de tres anos ou os prezos e condicións do aluguer. É necesario que poidamos ofrecer unha vivenda asequible á xente nova.

Que opinión lles merece a folla de ruta presentada por Compostela Aberta para propiciar unha renovación no seo de En Marea?

Non podo darche unha resposta clara porque aínda non está o suficientemente avaliado, pero nós estamos a favor de todo o que implique sumar e concordamos con que é necesaria unha reformulación, para a cal habería aínda moito por falar.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/pontevedra/jose-ramon-otero-iremos-municipais-coa-marca-podemos-buscaremos-alianzas-forzas-afins/20180716122559991252.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)