Opinión

O labirinto da vida / O xeito

O labirinto da vida

Como cada mañá, érgome, vístome e miro pola fiestra. Aínda non sei por que, pois a paisaxe sempre é a mesma: escura, triste e aterradora. Así é a miña vida, un baleiro sen senso, sen necesidade de vivir. Coma min, millóns de nenos e nenas viven nestas condicións. Chámome Semahal e vivo coa miña familia en Siria.

As persoas son as únicas causantes desta desgraza. Cando pecho os ollos, o único que hai na miña mente son golpes, gritos, mortes, explosións e a incerteza de por que a persoas inocentes lles pasa isto, pois ninguén o merece.

A que me axudou a min a saír deste inferno chamábase Iolanda, e era unha voluntaria. Un día, mentres entrabamos na casa, estourou unha bomba. Cando abrín os ollos estaba nun campo de refuxiados. Asusteime, pero nese mesmo intre entrou unha doutora moi amable e díxome que non me asustase, que estaba alí a causa da explosión.

Sen máis pregunteille onde estaba a miña familia e díxome que tiveramos moita sorte, pois sobreviviramos todos. Pero non todo era tan sinxelo, pois non tiñamos casa, nin comida. Pasamos alí uns días recuperándonos e cando estivemos listos, Iolanda axudounos a pasar a fronteira. Non foi doado. Primeiro tivemos que ir pasando de campo en campo durante uns tres meses, logo viaxamos en barco durante tres días e en moi malas condicións. Por fin chegamos a Sevilla, que sería o nosa nova cidade, estraña para nós, talvez o lugar que eu non escollería para vivir, pero mil veces mellor que estar nunha cidade con guerra. Despedímonos de Iolanda e démoslle as grazas, pois ninguén faría algo tan bonito por nós coma ela. NOELA MATO LÓPEZ CEIP Xesús Golmar[Lalín]

Noela Mato López
CEIP Xesús Golmar [Lalín]

O xeito

Era unha noite de verán moi estrelada; se non fose por unhas nubes escuras, a lúa poderíase reflectir na auga.

Eu atopábame nun banco xigante, rodeada das miñas compañeiras e, de súpeto, atopámonos nunha situación moi estraña. Algo nos envolveu e tirou de nós cara arriba. Todas berramos cunha soa voz cando un obxecto moi grande e cunhas letras en que se podía ler "BOTÓNS" nos tapou a luz.

– Quen é? –preguntaron todas, agás eu.

– Que ignorantes sodes! –dixen cun ton de chulería–. Esas letras xa responden a vosa pregunta.

Estabamos a saltar e faltábanos vida ao tempo que sobre nós caía unha especie de neve ou sarabia!

– Isto é debido ao cambio climático!! –dixen eu, que son a SABICHONA do grupo. Todas me miraron con cara de pampas, sen entender nada.

Despois dunha longa viaxe chegamos ao que parecía ser o noso destino final. Era moi estraño aquel lugar e a calor era insoportable. Aquí foi cando de verdade recoñecín que xa non había escapatoria. Colléronnos e fóronnos pondo sobre unhas camas que desprendían unha calor coma a do inferno! Eu arrexunteime (ou arrexuntáronme, xa non sabería dicir) coas miñas amigas todo o que puiden, ardiamos de calor e oïamos unhas voces que dicían: "Coidado coas cacharelas, que soltan muxicas e saltan coma se tivesen a rabia". Outros, con voces que non articulaban ben as palabras, recitaban: "Polo San Xoán pingan no pan!". Mentres tanto, a miña sensación era que me derretía e comezaba un arrecendo moi descoñecido para min. Esas foron as miñas últimas sensacións.

Fátima Míguez Lorenso 
CEIP Fontes-Baíña [Baiona]

Comentarios