O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña convidou aos galegos a que acudan o vindeiro domingo, 24 de febreiro, á "capital mundial do cocido" para celebrar unha nova edición deste evento gastronómico considerado de interese turístico nacional, nunha cita na que se prevén uns 60.000 visitantes.
Na mañá deste sábado, Cuíña, acompañado polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou en Santiago de Compostela a 51ª edición da Feira do Cocido.
A unha semana do "día grande" –o domingo 24 de febreiro–, esperan que "miles de visitantes" se acheguen á capital do Deza para degustar o cocido.
Na Praza de Abastos, o rexedor lalinés convidou aos cidadáns composteláns que se atopaban facendo a compra a que degustasen unha tapa do cocido, e animoulles a ir durante estes días a Lalín.
Presentación de la 51 Feira do Cocido de Lalín en la Praza de Abastos de Santiago. El alcalde, @Rafiklalin, invita a una tapa de cocido. pic.twitter.com/Gc7Dw1PvFW
— Íñigo Caínzos (@icainzos93) 16 de febreiro de 2019
En declaracións aos medios de comunicación, Cuíña explicou que este ano cambiaron a forma de difusión da festa, con visitas ás prazas de abastos de varias localidades galegas, así como con percorridos polo norte de Portugal e polo Bierzo.
Neste sentido, comentou que traballan na "internacionalización" da festa, e asegurou que "é un modelo que está a gustar", xa que "as tapas duran pouco enriba da mesa".
Cuíña agradeceu aos galegos que han ir a Lalín a comer o cocido durante toda a temporada e convidoulles a asistir o domingo 24, o día grande, a pasar o día. "Esperamos miles de visitantes na capital mundial do cocido", incidiu.
ACOLLIDA POSITIVA
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo de Lalín, Francisco Vilariño, valorou a acollida "moi positivamente", e afirmou que se trata de "unha proposta nova, que aposta pola calidade, por pór en valor os restauradores e o produto". "Temos unha base asentada que fai que a feira sexa un éxito", remarcou.
A continuación sinalou que "é unha alegría para o goberno" e destacou que están "no mellor dos momentos da feira", algo "moi importante en termos económicos".
Vilariño e Cuíña comentaron que "as previsións de tempo son boas", o cal lles "axudará", e expresaron o seu desexo de "ter unha das feiras con máis afluencia de público e de visitas".
O alcalde declarou que "o que di a experiencia é que se hai bo tempo haberá ao redor das 60.000 persoas e se chove, 40.000". "Estamos moi agradecidos pola asistencia masiva", concluíu.