Unha lección de inclusión en clave de festa

O Centro Príncipe Felipe acolleu unha xornada lúdica con baile, exposicións e espectáculo para poñer o broche ao IV Encontro Provincial pola Inclusión organizado pola Deputación
Máis de 250 persoas participaron este martes no evento lúdico. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Máis de 250 persoas participaron este martes no evento lúdico. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

O pavillón do Centro Príncipe Felipe acolleu este martes a fin de festa do IV Encontro Provincial pola Inclusión promovido pola Deputación e no que, entre os luns e o martes, participaron máis de 500 persoas.

Foron arredor de 250 os asistentes a esta convivencia que reuniu a persoas con diversidade funcional e tamén a profesionais que traballan a diario con elas para garantir o seu benestar e que se cumpran os seus dereitos. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Olga García, tamén participou na festa, na que se deron cita colectivos e centros educativos.

"Quérovos felicitar por todo o traballo que realizades e darvos unha aperta moi grande", transmitiulles Silva antes de pasarlle o micrófono a Felipe, un mozo que "vou levar comigo a todos lados" para compartir con el o protagonismo, xa que "me dixo que aparezo moito nos xornais", bromeou.

O obxectivo desta xornada foi poñer en valor os proxectos que conseguen integrar as persoas con diversidade funcional na sociedade. Por iso, o acto contou con catro exposicións artísticas realizadas por estes colectivos, que tamén puideron asistir a un obradoiro de bailoterapia e a un espectáculo creado polo actor e humorista Al Guanella.

Comentarios