Blog | Non tes tu fe

Leve o demo os malos fumes

Unha irónica protesta nun estanco, en xaneiro de 2006, cando empezaron as restricións para o consumo de tabaco en lugares públicos. ADP
photo_camera Unha irónica protesta nun estanco, en xaneiro de 2006, cando empezaron as restricións para o consumo de tabaco en lugares públicos. ADP

DÍA 7 DE xaneiro. Feliz 2019, digo ao límite do politicamente correcto para transmitir este bo desexo mentres escribo estas liñas, se é que hai unha barreira no calendario para ir arquivando este saúdo. Sobre todo para as que tivemos a sorte de ter vacacións a primeira semana do ano, este non é un luns calquera. É a hora da verdade. Volver ao traballo, prepararse para a volta ao cole, ao ximnasio, ás extraescolares, á dieta, á rutina...

E tamén para estrear almanaque e axenda (mesmo kakebo a xentiña máis organizada), co firme obxectivo de cumprir os propósitos para o aninovo, empezando por darlle uso, precisamente, a esa preciosa libreta que nos mira coas súas páxinas intactas e con arrecendo a libro novo. Un libro do que aínda non coñecemos ningún capítulo.

A falta de educación, foi necesaria unha lei antitabaco

Xaneiro é, coma setembro, un mes especial para poñerse firmes e dicir, agora si, é o momento para mudar malos costumes, para adquirir hábitos máis saudables, para non seguir adiando proxectos, ideas, plans e tamén traballos pendentes baixo aquela escusa tan scarlettiana de "xa o pensarei mañá".

Porque todo o que parece imposible empeza a deixar de selo só con dar o primeiro paso.

Un deses propósitos podería ser, por exemplo, deixar de fumar. Veño de ler nas páxinas deste mesmo Diario, con sorprendente tristura, que medra o consumo de tabaco mentres se relaxa o seu control e penso se será posible que, unha vez máis, os malos saian gañando, precisamente cando se cumpren trece anos da entrada en vigor da primeira lei antitabaco, aquela que prohibiu fumar en centros educativos, hospitais e lugares de traballo. Unha restrición que parece máis que obvia e que, aínda hoxe en día, non faltará quen a incumpra.

Foi daquela, en xaneiro de 2006, cando hostaleiros e estanqueiros empezaron a botar as mans á cabeza alertando do que ía supoñer a ruína do sector.

Nada que ver, pobres, co que viría cinco anos despois. Porque a quen se lle podería ocorrer prohibir o tabaco en espazos públicos como bares ou restaurantes, locais comerciais e ata, fíxense que insensatez, en parques infantís? (E nun radio de cen metros, ollo, que non vale con estirar o brazo fumegante ao outro lado da randeeira). Foi entón cando as fumadoras pasivas e, sobre todo, as crianzas (coitadas), empezamos a sentir esa sensación de liberdade, de poder estar nun sitio sen ter que respirar o pestilente aire de quen facía uso da súa liberdade de drogarse en público mentres eran outros os que atrapaban o veleno que saía do seu cigarro.

Foi necesaria unha lei coma esta para poñer freo ao abuso de xente que, moi amparada na súa suposta liberdade (como era aquilo de que a túa liberdade acaba onde empeza a miña?), non tiña reparo en molestar a quen fora, coñecido ou descoñecido. Foi necesaria unha lei porque está visto que, alomenos nesta sociedade, a educación brilla pola súa ausencia.

É por iso polo que oito anos despois aínda resulta insuficiente, e non estaría de máis dar un paso adiante e prohibir fumar en vehículos particulares (sobre todo se neles viaxan menores); ampliar os espazos libres de fume, como as praias (e non me veñan con ese paripé que fixo a Administración nalgúns areais, que me dá a risa) e, tamén, incrementar o prezo do tabaco, que se non apuntamos ao peto, parece que non vale. Son propostas da Sociedad Española de Especialistas en Tabaquismo e do Comité Nacional de Prevención do Tabaquismo que subscribo como se foran miñas propias.

Comentarios