Lores, sobre a "ambiciosa" actuación no parque da Tomba: "É un luxo"

O alcalde visitou os traballos de acondicionamento, que estarán rematados ao final de ano
Alberto Oubiña, Fernández Lores e José María Domínguez, durante a visita. CONCELLO
photo_camera Alberto Oubiña, Fernández Lores e José María Domínguez, durante a visita. CONCELLO

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este mércores o parque forestal da Tomba (Campañó) para comprobar a marcha dos traballos de acondicionamento que se están levando a cabo no lugar. "É un luxo e é unha das actuacións das que me sinto máis satisfeito", afirmou o rexedor, quen na xornada estivo acompañado polo concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, polo presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, e por persoal técnico da empresa adxudicataria, Elsamex,

Concretamente, a comitiva visitou o punto onde se ubicará un dos dous miradores que permitirán gozar das vistas sobre a cidade e sobre a ría.

Visita de Lores ao parque forestal da Tomba. CONCELLO

Lores tamén cualificou o parque forestal da Tomba como "unha actuación ambiciosa", e enmarcouna na necesidade de preservar o patrimonio natural e de dotar á veciñanza de espazos acondicionados para o lecer e o goce da biodiversidade.

"Todos somos conscientes de que manter o monte é caro e que o monte non é só dos seus propietarios, sexan a comunidade de montes ou sexan propietarios individuais, senón que é unha fonte de osíxeno, é unha garantía de biodiversidade, favorece a calidade do aire de toda a cidade e é un investimento público", destacou o rexedor.

Neste sentido, lembrou que se vai actuar sobre 82 hectáreas de monte comezando cun labor de eliminación de especies invasoras, nomeadamente acacias e eucaliptos, que é o que se está acometendo neste momento.

Estas tarefas de eliminación de especies invasoras se están realizando a través "de medidas físicas, sen utilizar ningún tipo de produto químico, o que complica e encarece a actuación pero é moito máis respectuoso co medio".

A actuación contempla manter as árbores que existen e a plantación de 25.000 novos exemplares de diversas especies, maioritariamente castiñeiros e carballos. Inclúe unha plantación de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo, totalmente ecolóxico e a partir de clons de especies de oliveira autóctona galega. Tamén se acondicionarán 17 quilómetros de sendas, delas 1,1 km poderán ser transitadas por coches e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas de paseo.

O proxecto ten un prazo de execución que abrangue ata final de ano para asegurar labores de limpeza e respectar as épocas de plantación propias de cada especie que se van introducir nesta superficie.

Por último, Lores volveu agradecerlle á Comunidade de Montes de Campañó "que poña a disposición de todos os veciños e veciñas de Pontevedra este espazo, e eu quero salientar este posicionamento razonable e solidario da Comunidade de Montes".

Comentarios