Miguel Anxo Fernández Lores ►Candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra

"Hai que decidir se Pontevedra volve atrás ou segue avanzando"

Se o vindeiro domingo os cidadáns refrendan o seu apoio ó BNG, Lores será alcalde de Pontevedra por sexta vez. De feito, algunhas enquisas achégano á maioría absoluta. O candidato nacionalista baseou a súa campaña no modelo de cidade asegurando que "o mellor está por vir" e pide á veciñanza que á hora de votar "poña por diante o amor á Boa Vila"

Lores na sede de Diario de Pontevedra GONZALO GARCÍA
photo_camera Fernández Lores na sede de Diario de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Malia levar dúas campañas seguidas e meses de precampaña, e coa axenda ateigada de compromisos, Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) asegura que a carreira ó 26M "pasóuseme enseguida". "Probablemente non viría mal unha semana máis para matizar certas cousas", di.

Como ve a campaña? Está sendo a máis ‘cómoda’ para vostede? 
Esta campaña é continuidade das xerais e parece máis longa ca outras. Nós tratamos de transmitir en positivo a necesidade de que Pontevedra siga avanzando e mellore. Creo que o conseguimos, porque as sensacións na rúa son positivas. O que si constatamos é que non hai alternativas claras. Todo o contrario. Dá a impresión de que pode haber risco de volta atrás. Uns non queren circunvalación, co cal a ver como resolven certos tráficos pesados na cidade e a conexión cos polígonos industriais de Barro e A Reigosa. Hai outros que soben ós composteiros cunha piqueta. Hai xente que mete a ‘fregoneta’ na Ferrería. Que está dicindo? Que prefire a ‘fregoneta’ na Ferrería todo o día a que estean os nenos? Hai certo risco de parálisis e volta atrás, por iso é importante que a xente pense ben o seu voto e decida se queremos seguir avanzando ou se queremos volver atrás.

A compostaxe, un dos pratos fortes do mandato, é tamén un dos puntos onde máis lle atacan os adversarios políticos.
Estamos cun proceso dos máis avanzados en Europa e no mundo de cumprimento da normativa, pero sobre todo de sentido común. Non ten sentido que sigamos tirando materia orgánica ó lixo e logo paseándoa por toda Galicia para queimala nunha incineradora. Ademais, conseguir que iso se poida facer é un proceso de análise, concienciación e diálogo que leva tempo. Maioritariamente a xente está a favor do medio ambiente e dun tratamento razonable e ecolóxico do lixo. A proba é que cada vez que poñemos un composteiro énchese na primeira semana. Estamos en condicións de ser a primeira cidade que cumpra os condicionantes da UE, a lei de residuos da Xunta e do Estado.

Unha das principais críticas da oposición é o nivel de paro. Alegan que Pontevedra, cun 17%, é a cidade galega cun índice máis alto. Que pode facer un alcalde para mellorar o emprego?
Moitas cousas e, de feito, estámolas facendo. Estamos dinamizando a economía, apoiando ó comercio local, apoiando ós novos emprendedores, a economía creativa... Estamos traballando en colaboración co Campus Crea da Universidade de Vigo. Estamos facendo en Pontevedra cousas que non se fan en ningún lugar: Pont up Store, Etiqueta Negra... Pontevedra xa é unha referencia internacional e iso ten un retorno turístico moi importante. Pontevedra foi a cidade que máis medrou a nivel turístico o ano pasado. Estamos dinamizando a cidade para que sexa atractiva para vivir e para traballar. E estamos colaborando con todas as empresas e os nichos novos de emprego. Fixemos unha misión comercial a México con dez empresas que xa fixeron contratos e relacións.

Os outros candidatos non opinan igual.
É que hai xente que confunde o emprego coa industria pesada ou con defender os intereses de Ence, Elnosa ou Tafisa. O futuro de Pontevedra non pasa por Elnosa, nin por Tafisa, nin por Ence. O futuro de Pontevedra pasa por ser unha cidade innovadora 4.0, creativa, moderna e actual. E nós hai vinte anos que nos estamos posicionando e somos unha referencia internacional. Estamos na fase das cidades post industriais..

Falaba nestes días nun debate do dereito de recuperar a ría como fixo Barcelona ou Bilbao. Aí foi clave o consenso entre todas as institucións. É posible aquí?
Nós facemos diálogo con todas as administracións ata perder o coñecemento. E non temos inconveniente en sentarnos as veces que faga falta. Outra cousa é que teñan intención. Normalmente coas outras administracións entendémonos e chegamos a acordos. 

Neste mandato apreciouse certa sintonía co presidente da Xunta e chegouse a acordos como Montecelo, non?
Xa antes chegaramos a acordo coa Consellería de Sanidade para ampliar Montecelo e había un proxecto enriba da mesa ata que veu o PP de Pontevedra, daquela o señor Telmo Martín, a impoñer Monte Carrasco. O PP de Pontevedra sempre contra Pontevedra. Temos un proxecto de circunvalación que estaba aprobado xa hai cinco anos para sacar á contratación e veu negociar o trazado Ana Pastor, pasaron cinco anos e non se contratou a circunvalación e agora volve sacarse á exposición pública. Por que? Porque houbo presións do PP de Pontevedra para que non se executara. Temos un proxecto aprobado e consignado para o Paseo a Marín e vén o PSOE de Pontevedra e di que non lle gusta... E o mesmo coa Rolda Urbana e o Nó de Bombeiros. Nós temos capacidade de negociación e estamos negociando.

Tamén para falar do transporte?
Queremos falar de todo, tamén do transporte metropolitano, que é responsabilidade da Xunta. Outra cousa é que nos mesturen o metropolitano e o escolar co urbano. Non vou a facer liñas de transporte urbano cando xa as hai. Non se pode andar duplicando. Hai xente que non ten alternativa de transporte viable e hai que solucionalo, pero estamos no século XXI, nos tempos do Bla bla car, e a Xunta quere ter un autobús dando voltas polas parroquias para levar unha persoa ou dúas ou tres nun bus de 60 prazas. Agora danse unhas condicións que antes non se daban. Por exemplo, os taxis poden facer transportes regulares e poden cobrar billetes en vez de viaxes e podemos adaptar iso para facer un transporte a demanda que antes non se podía. Nós, non sei por que, pero sempre temos que ser innovadores e pioneiros e referentes en moitísimas cousas que non están resoltas. O outro é a volta atrás. 

Durante a campaña, os candidatos recoñeceron que lles gusta o modelo urbano, pero repróchanlle que non se aplique nas parroquias.
Non é verdade que estean dacordo co modelo cando dis que temos que modificar certas cousas, que Pontevedra está pechada, que hai que abrir á cidade ós coches... Se a xente aspira a aparcar na Peregrina, ese non é o modelo. Eu o que vexo na oposición é un descoñecemento do Concello e do que se gasta nos barrios e no rural. Hai quen se atreve a dicir que estamos como hai 30 anos. Pero claro, cando hai un señor que confunde Tomeza con Tomiño... Eu xa vivía no rural antes de ser alcalde, sabía o que se gastaba e non se gastaba nada. Daquela, mandaban chapapote para o camiño do veciño . Nós xa non é que teñamos alumeado no rural, senón que estamos cambiando a led. Iso sábeo todo o mundo. E fixemos un contrato da auga que nos permite avanzar ou adiantar unhas inversións que son cuantiosísimas para rematar o saneamento do rural e iniciar o despregue do abastecemento. 

Poñámonos no 27 de maio. Se o BNG gaña as eleccións pero non ten unha maioría absoluta, sería un fracaso?
A garantía de que este proxecto avance e o faga a maior velocidade e as melloras sexan sustanciais é ter maioría absoluta. Agora ben, nós tamén temos a experiencia destes cinco mandatos de traballar sen maioría absoluta e fomos facendo cousas brillantes ou que non quixo ninguén e fixémolo negociando, consensuando e chegando a acordos.

Nese caso, gobernaría en solitario ou trataría de chegar a acordos con outros partidos?
Non quero opinar. Quero ver os resultados electorais e logo reunirémonos o grupo municipal e decidiremos o que sexa máis conveniente para os cidadáns. Só nos moven os intereses de Pontevedra. Se consideramos que o mellor para o concello é que cheguemos a un acordo con esta ou a outra forza, así será. Dígoo con toda honestidade e sinceridade do mundo.

E a maioría absoluta que suporía? Unha retirada no alto?
Que encabeces unha candidatura do BNG durante nove ocasións e que teñas un apoio dos cidadáns cada vez maior é satisfactorio. Eu estou encantado, orgulloso e agradecido ós pontevedreses que me deron a súa confianza.

Pero son estas as últimas eleccións municipais de Lores?
Agora mesmo só teño a cabeza nesta candidatura. Só penso en transmitir optimismo e ilusión por seguir traballando nesta cidade e transmitindo a necesidade de que siga avanzando. Cando dicimos que o mellor está por vir queremos dicir exactamente iso. O proxecto aínda ten máis posibilidades. E eu noto que a xente sente que é un proxecto de todos.

Os primeiros mandatos foron os da posta en marcha do modelo de cidade, logo chegou a consolidación e os premios. Que está por vir?
Recibir os retornos do que logramos entre todos ata o de agora. O que está por vir é consolidar e estender o modelo urbano, que ten que ver coa calidade urbana, coa recuperación dos espazos públicos, a recuperación da ría, a posta en marcha do transporte a demanda... Temos que dar un paso adiante, e a xente cre que é posible. Hai unha forza na xente que hai que aproveitar ó máximo.

Por que cre que a aposta do BNG funciona ben nas eleccións locais e hai tanta diferenza coas xerais?
Estou moi orgulloso do apoio que temos nas eleccións municipais. A xente confía na nosa xestión e aspiro a que nos vexan como referente para defender os intereses do país tanto no Estado como en Europa. Este é un país rico que precisa ter capacidade de decisión en certas cousas e para iso hai que apostar polo noso. Dicía Castelao: "Ti ten confianza no teu pobo e tarde o temprano o pobo terá confianza en ti".

Por que os pontevedreses deben votarlle o domingo?
Temos unha traxectoria, equipo, ideas e ilusión e estamos convencidos de que a garantía de que Pontevedra siga avanzando é un goberno que ten demostrado que é pioneiro e que aposta por un concello sostible, inclusivo, igualitario, respectuoso co medio ambiente, co patrimonio e coa nosa identidade. Iso non o vai atopar noutra forza política. 


"Estou tranquilo porque este proxecto terá continuidade"

En 1987o BNG acadou o seu primeiro concelleiro en Pontevedra. Era vostede. Imaxinou daquela que podería estar cinco mandatos de alcalde?
Naquel ano era a única representación nunha gran cidade. Seguimos traballando. Logo sacamos catro, logo sete, logo dez... Son plenamente  consciente de que formo parte dun equipo e que isto é un traballo colectivo. Son unha peza máis, non funcionaría sen unha engranaxe que está pensando, ideando cousas e estudando os modelos que funcionan no mundo constantemente. Nunca tomei iso como algo persoal. Por iso estou tranquilo, porque este proxecto terá continuidade, non é cuestión dunha persoa

Que levou a Fernández Lores no ano 99 a deixar a medicina para dedicarse só á política?
É incompatible atender a 70 pacientes diarios e ó Concello. Sempre digo que a política municipal véxoa como a continuidade da medicina, sobre todo da preventiva, xa que podes atender a familias enteiras e cidades enteiras. E hai moito compoñente de medicina preventiva e de saúde no noso modelo urbano. De feito, un dos premios que máis me satisface, á parte do ONU Hábitat, é o de Excelencia do Deseño Urbano e Saudable , porque
isto é máis que peonalización, é calidade de vida. 

Algunha vez bota en falta a consulta?
Levo exactamente 20 anos de médico e 20 de alcalde. Agora vou romper esa igualdade. Son cousas diferentes. Hai un trato máis persoal na consulta que na Alcaldía. Aínda así, eu paro con todo mundo na rúa, hai unha certa accesibilidade. Logo temos os concelleiros, que son como os apóstolos, e os funcionarios e técnicos que atenden á cidadanía.

Quédalle tempo para a familia?
Si. Cando digo que estou no mellor momento posible, primeiro é porque temos un equipo moi potente, no que podo delegar. Se eu falto dez días non pasa nada porque está todo cuberto. A maquinaria funciona perfectamente e iso permíteme planificar ben e organizarme para poder estar tamén coa familia. Ademais a familia aumenta, así que tamén precisa tempo.

Hai dous anos estreouse como avó. Que tal se lle dá?
Teño tres netas, unha de dous anos e dúas que teñen uns meses. Aínda espero poder disfrutar máis delas, levalas a pasear, lerlles contos, plantar cousas na finca... 

Gústalle traballar na finca.
Agora paso máis tempo xogando cos meus cans. Podo facer moi pouco polo problema que teño na columna, que me condiciona fisicamente. Gústame moito traballar na finca e son moi perfeccionista, incluso un pouco maniático. Tamén co lavavaixelas; ponme malo ver os pratos cambiados de sitio. É unha estupidez, pero teño a miña orde. Utilizo todo o mecanismo para que quede a máquina chea e se vexo un vaso fóra de do seu sitio ou un coitelo
ó revés teño que cambialo.

Foi porteiro de fútbol de rapaz, xogou ó tenis e practicaba esquí. E agora?
Agora pouco. O máis que fago é algo de natación. Teño que facer máis. Antes da campaña ía regularmente á piscina. E tamén nado na praia, aínda que aquí está a auga tan fría que me baño poucas veces.

Nunha entrevista persoal do 2001 confesaba a Diario de Pontevedra canto lle gusta cociñar ‘pulpo’ en caldeirada para os amigos...
Primeiro para a familia e para min, que tamén me gusta comer. Sigo facéndoo. Teño unha certa especialización nas caldeiradas e os cocidos. Encárgome de todo. Compro eu e fágoo todo eu, co tempo que precisa a súa elaboración. As caldeiradas e o peixe á brasa ou o churrasco sempre o fago eu. Outro tipo de cociña xa non. O forno nin o sei manexar. 

Declarouse fan de ‘Juego de tronos’. Xa puido ver o final?
Vin a quinta temporada e dous capítulos da sexta e cando remate seguirei cos que me falten. Non sei como acaba, pero a min púxome Kiko da Silva no trono de ferro, e non sei se ten algo que ver ou non. Tamén vexo unha serie francesa de asasinatos que me gusta e que poñen os domingos pola  noite, aínda que este domingo estarei a outras cousas.

JAVI 9.00 horas. Casa de Lores en Marcón. Foto persoal de Lores cos seus cachorriños

Comentarios