Luce o sol co porquiño á brasa en Amil

Moraña celebrou a XXVI edición desta festa, a cita gastronómica máis importante do mes de agosto do municipio, esta fin de semana

Logo de celebrar as vodas de prata o ano pasado, a Festa do Porquiño á Brasa volveu ser o protagonista da xornada deste domingo en Moraña. A cita gastronómica máis importante de agosto, a de xullo é o Carneiro ó Espeto, gozou dunha gran cantidade de asistentes ás diversas actividades que tiveron lugar ao longo do día. De madrugada, ás 4 da mañá, comezou o acendido do lume onde os porquiños foron asados a fogo lento. O tempo no que as pezas son expostas á brasa marca a diferencia facendo que este manxar estea tan valorizado.

O grupo de gaitas Chinguilipe de Moraña e o conxunto Airiños da Fracha de Ponte Caldelas foron os encargados de iniciar a xornada animando aos veciños e visitantes a participar na festa cun pasarrúas e alborada que realizaron a partir das 10.30 horas da mañá. A V edición da Feira Artesanal, na carballeira, abreu as súas portas ofrecendo produtos do máis variado. O grupo Gaia de Poio encargouse, ás 12 horas, de entreter aos nenos máis pequenos da zona cun obradoiro infantil. A asociación de música e baile tradicional Seixebra tamén participou nesta edición do Porquiño á Brasa ofrecendo unha actuación no contorno do santuario dos Milagres de Amil.

Un sorteo de porquiños tivo lugar, ás 14 horas, momentos antes de que comezase o xantar popular no que xóvenes e maiores se animaron a probar e comer esta preciada vianda.

XOGO DO PANO. Durante a tarde, celebráronse diversos xogos populares para os adultos contando, como o ano pasado, con varios hinchables para que os máis pequenos tamén puidesen gozar da xornada. A tarde transcorreu entre canrreiras de zancos e sacos, o xogo do pano e a roda.

A Asociación Gastronómica Cultural de Amil, organizadora do evento entregou, ás 20.30 horas, os premios aos vencedores nos xogos antes do remate da cita.

Un ano máis a cita favorita do mes de agosto para os veciños e visitantes a Moraña finalizou con sol e cunha xornada chea de gastronomía, tradición e diversión.

A festa rematou ás 21 horas e a organización xa calcula cantos lotes venderán na próxima edición. Porque de algo están seguros, unha fin de semana como esta non pode desaparecer da axenda cultural morañesa.

Comentarios