Días de 13 e 14 horas de traballo. Iso lle deparou a súa reelección como adestrador a Luismi. O técnico vigués do Pontevedra vive no seu despacho de Pasarón, lendo informes, vendo imaxes de futbolistas, analizando toda a información posible na procura dos mellores xogadores posibles para o Pontevedra.
"Intentamos adaptarnos ás nosas posibilidades e, dentro diso, fichar os mellores xogadores para que sexamos máis competitivos do que o fomos este ano. Queremos facer un equipo que ilusione, sexa ambicioso e compita cos mellores da categoría. E para logralo temos que poñer todo da nosa parte para acertar", expresa o preparador granate nun paréntese que realiza para manter unha conversa con Diario de Pontevedra.
Luismi non ten présa por pechar o plantel. Só quere que sexa o mellor posible. E para iso, entende, haberá que agardar a que conclúan as eliminatorias de play-off.
"É normal que estea algo parado. Ata que non conclúa a promoción e tódolos clubs se centren na próxima campaña, non se poderá avanzar de forma definitiva. Hai moitos futbolistas que non che dan o si definitivo porque hai moita incertidume e quedan moitas portas abertas para eles. É moi cedo", explica o técnico de Pasarón. As expectativas da afección chocan coas necesidades de acerto da dirección deportiva e coa limitación dos recursos económicos, que obrigan ao club a moverse noutra dirección.
"As présas non son boas. Hai que ir con cautela, pouco a pouco. Antes de tomar decisións hai que estar ben seguros e valoralo todo. Seguramente, en canto acabe o play-off poderemos darlle forma ao plantel".
PRIORIDADES. As prioridades do equipo pontevedrés no mercado son un dianteiro, un estremo dereito, un media punta, un central e un medio organizador. Pero ademais, poden xurdir outras necesidades se non se concretan as renovacións de varios xogadores que aínda non deron unha resposta definitiva á entidade granate.
"Queremos saber antes con quen contamos e a partir de aí, retocar algunha posición máis".
Nese senso, o técnico amósase comprensivo cos deportistas que non selaron a súa continuidade. "Asumímolo. Eles tamén están pendentes doutras opcións e valoran todo antes de tomar unha decisión. Eu prefiro que sexa así, para que cando se comprometan, o fagan ao cen por cento".
Luismi ten claro cal debe ser o valor fundamental que teña o seu conxunto. Sobre todo, e por riba de todo, "ten que haber equilibrio. É o mellor que lle pode pasar a un plantel: que conte con xente veterá que che ofreza solucións e experiencia e xente nova que teña ambición e ilusión por crecer deportivamente".
O Pontevedra comezará a pretemporada a segunda semana de xullo. O plantel estará traballando durante seis semanas para chegar na mellor forma posible ao comezo do exercicio.
"É esaxerado. Hai moitos futbolistas enriba da nosa mesa, pero ao final peneiras en función das necesidades e dos criterios que manexas para facer a túa busca. Aínda así, o volume é inimaxinable. Hai que verse nesa situación".
Para Luismi, esta fase profesional é nova. "É un traballo que non é visible, pero require moita dedicación para que o comezo da temporada poida ser o mellor posible. Nunca sabes se vas acertar, pero polo menos pos o máximo empeño e ilusión para facilitar os mellores resultados".