Luz verde á instauración dun mando central na estación Hidrobiolóxica do Con

A USC garante a continuidade das instalacións, e deixa ao Concello de Vilagarcía fóra do órgano de xestión ►O equipo investigador reclama a figura do director científico

Estación Hidrobiolóxica do Con. CEDIDA
photo_camera Estación Hidrobiolóxica do Con. CEDIDA

O relevo simultáneo dos tres directores dos centros de Hidrobioloxía do Con, Bioloxía Mariña de A Graña e da Científica do Courel o pasado luns confirmaba de xeito patente que o plan de dotar ás infraestruturas dun mando único, unha cuestión que xa se abordara o pasado mes de xullo, facíase realidade. No caso de O Con, en Vilagarcía, o relevo do seu director, Fernando Cobo, espertou unha grande inquietude por parte do equipo de investigación que agora ve con "incerteza" o futuro da actividade que estaba a desenvolver. Foi durante a mañá do mércores cando se puideron despexar as incógnitas, tras a aclaración por parte do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a quen a última hora do martes comunicou a continuidade do centro, que a partir de agora pasará a ser dirixido baixo un mando único e coordinado coas outras dúas estacións.

O reitor da USC, que se comprometeu a visitar Vilagarcía e as instalacións, situadas en Castroagudín, ao pé do encoro do Con, co obxectivo de afianzar a colaboración das institucións, asegurou que, co cambio de mando, preténdese dinamizar o centro, que ampliará a súa presenza social con visitas de estudantes e outras actividades de divulgación. Segundo explicou o reitor, as razóns polas que se leva a cabo este cambio, e polas que xurdiu a controversia, son fundamentalmente de organización interna, xa que a universidade quere que "os tres centros de similares características que ten Galicia traballen baixo un mando único", e garantiu a "continuidade" do centro do Con, asegurando que o cambio non afectará aos postos de traballo nin aos proxectos en marcha.

Sen embargo, a nova organización implica tamén que o Concello deixe de pertencer ao órgano de xestión do centro, o que o Goberno local calificou coma "un caso único nos centros de investigación da universidade", a pesar de que se manterá a colaboración.

REACCIÓNS. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, amosouse satisfeito coas explicacións do responsable da universidade compostelá e manifestou a súa seguridade de que a estación hidrobiolóxica seguirá funcionando e "consolidando o nome de Vilagarcía como referente da investigación".

Tras as explicacións por parte da USC, o equipo de Fernando Cobo volveuse facer eco da "inestabilidade" que este cambio xera nos proxectos de investigación, para os que reclaman que se manteña ao xa relevado director "como director científico". O equipo de investigadores e investigadoras do Con mostrou o seu rexeitamento ao novo modelo, e asegurou que as novas accións de dinamización que a USC quere levar a cabo "non xustifican o cambio", posto que "esas cousas novas que din que se farán a través da rede xa se estaban facendo, e a estación ten unha memoria de actividades dende 2004 para demostralo. Venden un cambio que non é real".

Comentarios