Luz verde de Medio Rural á construción do futuro polígono de Monte Mocín

Jorge Cubela xa informou á parroquia de Santa María, principal zona afectada, nunha reunión veciñal ►Terá 12 hectáreas, seis para parcelas de empresas e 2,5 para zonas verdes
Área de delimitación do futuro polígono de Monte Mocín. CONCELLO DE CERDEDO-COTOBADE
photo_camera Área de delimitación do futuro polígono. CONCELLO

Apenas tres meses despois de recibir a autorización da Deputación de Pontevedra, o Concello de Cerdedo-Cotobade vén de obter o informe sectorial favorable da Consellería de Medio Rural para a construción do futuro polígono de Monte Moción, que se emprazará nunha zona forestal. Tras obter a luz verde da Consellería, o Goberno local recalcou que "as obras e o deseño non contemplan ningún tipo de afección sobre montes veciñais en man común, zonas forestais catalogadas de utilidade pública, nin espazos incluídos e protexidos pola Rede Natura".

A creación do polígono está a piques de ser unha realidade, despois de que hai nove meses o Pleno municipal aprobara a modificación puntual número 2 das Normas Subsidarias do seu planeamento, que contempla a reclasificación de case doce hectáreas entre as parroquias de Santa María e San Xurxo de Sacos como solo urbanizable industrial para a creación do polígono. Este proxecto de parque empresarial, deseñado polo Goberno local para "aumentar e diversificar a oferta de espazos industriais no municipio", xa dispoñía previamente dun informe favorable da Xunta de Galicia correspondente coa Avaliación Ambiental Estratéxica. Agora, e a falla de que cheguen os derradeiros informes sectoriais doutros organismos, que son "menos complexos", e de que se superara a fase de exposición pública, xa está practicamente todo listo para culminar esta tramitación urbanística previa e poder afrontar, dende este mesmo ano, os pasos para a execución do complexo.

AFECCIÓN. O proxecto de solo industrial de Monte Mocín afecta a 117.984 metros cadrados, dos cales 52.318 serán para parcelas industriais de uso xeral e 5.703 para proxectos niño ou en fase de creación, 1.700 para uso terciario, preto de 25.000 para zona verde e unha cifra similar para o viario. Dentro deste último apartado, contémplase a creación dunha rúa en forma de U con dous ramais anexos e catro rotondas, así como un carril-bici que ocupará 2.525 metros cadrados.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que xa informou á parroquia de Santa María como principal afectada nunha xuntanza veciñal, explicou que o polígono de Monte Mocín "conxugará os medios tecnolóxicos coa harmonización na contorna, a proximidade a Pontevedra e unhas boas conexións por estrada, e complementarase perfectamente co existente na zona cerdedense do Sangal e co futuro de Folgoso".

Comentarios