'LV. De Luns a Venres' pasa a ser semanal

O xornal gratuíto galego LV. De Luns a Venres, do Grupo El Progreso, comezará o vindeiro día 8 de febreiro unha nova andaina na que se converterá nun medio de edición semanal, tras publicar hoxe o que será o seu último número como diario. Así, dentro do seu proceso de renovación constante nestes máis de seis anos de vida, LV. De Luns a Venres seguirá chegando ás rúas das sete cidades galegas todos os venres, ao mesmo tempo que reforzará a información diaria a través da súa páxina web: www.l-v.es.

Aínda que o da periodicidade é o gran cambio nesta nova etapa do gratuíto galego, ben é certo que non é o único. De feito, o novo semanario será unha publicación con máis páxinas, máis tirada e novos contidos de produción propia, centrados sobre todo na análise, a reportaxe e a opinión, sen esquecer a súa vocación de servizo público a través de diferentes seccións e, sobre todo, mantendo o idioma galego como sinal de identidade, nunha clara aposta pola difusión da cultura de Galicia na sociedade.

A futura publicación semanal LV. De Luns a Venres conservará a súa aposta pola información de Galicia como eixo fundamental, aínda que o novo enfoque permitirá dar entrada a máis contidos e novos colaboradores, co obxectivo de conseguir un medio onde a interpretación da actualidade sexa fundamental.

LV. De Luns a Venres publicouse diariamente desde decembro de 2006 nas sete cidades galegas da man do Grupo El Progreso, asentándose pouco a pouco ata converterse nestes últimos anos nun referente do xornalismo na comunidade, ademais de ser ata agora a única publicación diaria escrita integramente en lingua galega. O apoio dos lectores levou a que pechara o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores.

Aposta polo dixital
Pero a conversión de LV. De Luns a Venres nun semanario non significará, nin moito menos, o abandono da cita diaria cos seus lectores. A páxina web do medio (www.l-v.es) reforzarase substancialmente e renovará a súa imaxe para ofrecer toda a información de xeito puntual e áxil.

Da mesma maneira, continuará a aposta pola subscrición gratuíta a través do correo electrónico, para que os máis de 7.000 lectores que reciben diariamente LV no seu e-mail dispoñan das novas do día do xeito máis cómodo e eficaz: cun simple click. Tamén continuará a información a través das principais redes sociais como Facebook ou Twitter.

Unha das novidades desta etapa será precisamente que todos os subscritores do medio recibirán diariamente un newsletter no correo electrónico coas principais novas da xornada e as imaxes máis actuais, mantendo así unha das esencias da filosofía coa que naceu De Luns a Venres: informar de forma dinámica e rápida, cu-nha sinxela ollada á pantalla.

Comentarios