Os maiores de Poio tamén fan os deberes dende o confinamento

Os voluntarios de Protección Civil reparten a domicilio os exercicios do taller de memoria aos usuarios e usuarias de Saudemente
Un voluntario de Protección Civil repartindo o material de Saudemente, este martes. CEDIDA
photo_camera Un voluntario de Protección Civil repartindo o material de Saudemente, este martes. CEDIDA

As actividades colectivas pararon polo estado de alarma, pero os maiores de Poio non están sós. A Concellería de Benestar Social segue moi pendente dos usuarios e usuarias do programa Saudemente, que este ano conta con máis de 120 inscritos, cos que está a manter contacto telefónico dende que comezou o confinamento, a través das chamadas semanais das das monitoras, que se interesan especialmente polas persoas que viven soas.

Deste xeito, esta semana Saudemente deu un paso máis polo que, dende o pasado luns, o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández está a distribuir sobres que conteñen exercicios habituais do taller de memoria polos domicilios das persoas da terceira idade que forman parte deste programa, para que poidan seguir practicando dende a casa.

Son os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil os encargados de levar os sobres ás vivendas, unha implicación que Rosa Fernández agradece profundamente. Xa se levan repartidos un total de 100 sobres.

"Farase un seguimento desta iniciativa e, en base a iso, decidiremos se enviamos máis material", explica a concelleira de Benestar Social, que tamén indica que estes exercicios inclúen sopas de letras, textos de lectura comprensiva e mesmo pautas para realizar exercicio físico. "O confinamento pode provocar sentimentos como tristeza ou sensación de soidade. O que pretendemos é evitar, na medida do posible, que os nosos maiores se sintan dese xeito. Saben que poden contar con nós", sinala Fernández, que tamén fai fincapé en que para o Concello de Poio é unha prioridade velar pola súa seguridade.

Rosa Fernández destaca a implicación e o interese dos usuarios e usuarias en continuar con esta actividade nos seus domicilios, poñendo como exemplo a Luísa María, unha veciña de Poio de 97 anos que tamén solicitou realizar as súas tarefas na casa. As sesións de Saudemente víñanse desenvolvendo en todas as parroquias de Poio, ademais da Casa Rosada.

Comentarios