Os Reis Magos teñen xa máis de 500 cómplices en Pontevedra

A campaña solidaria de Nadal (en)Volve reuniu xa máis colaboradores que cartas de rapaces que agardan un presente ► Recibíronse ata agora 219 agasallos

Regalos. PIXABAY
photo_camera Regalos. PIXABAY

A campaña solidaria de Nadal (en)Volve segue sumando mostras de solidariedade. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños para que ningún rapaz quede sen agasallo nestas datas, xa sumou á causa dos Reis Magos 526 cómplices nas tres semanas que leva posta en marcha. E recibiu ata agora 219 agasallos.

"A xenerosidade da cidadanía, sobre todo cando se trata de botar unha man e de debuxar un sorriso nos pequenos máis vulnerables, é tan grande que o número de cómplices supera incluso ao de cartas recibidas (polo momento, 436 misivas), cando noutros anos iamos á par", salienta o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey.

Cartel da campaña (en)Volve. DP

Nesa liña, o coordinador de Meniños, Roberto Antón, salienta que, "aínda que en 2019 se chegou aos 588 rapaces e neste temos confirmados ata agora 494, o máis chamativo é que teñamos máis xente disposta a colaborar que cartas recibidas. É bo sinal, xa que en principio significaría que o precisan menos".

A campaña iniciouse antes este ano para facilitar a planificación e garantir a seguridade para todos os implicados. Desta vez as cartas entréganse só vía whatsapp, para evitar o contacto presencial tanto coas familias como cos cómplices dos Magos. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do agasallo.

As persoas que queiran ser cómplices dos Reis Magos deben cubrir un formulario que poden descargar neste enlace.

Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros, e tanto Marcos Rey como Roberto Antón animan aos pontevedreses a que fagan as súas compras no comercio local.

Para calquera dúbida, a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños están á disposición da cidadanía a través destes teléfonos: 678 75 49 33 e 604 08 14 72.

Comentarios