Manuel Bragado: "O Culturgal non se pode acomodar nin conformar"

O editor de Xerais, unha das persoas que máis se implicou na posta en marcha de Culturgal e na súa consolidación, exerce como presidente da asociación organizadora por última vez. O ano que vén haberá relevo

Manuel Bragado. DAVID FREIRE
photo_camera Manuel Bragado. DAVID FREIRE

O do décimo aniversario é o último ano no que Manuel Bragado (Vigo, 1959) exercerá como presidente da asociación Culturgal, unha entidade que conforman as agrupacións profesionais culturais máis importantes de Galicia e que se creou para organizar a feira. Absolutamente implicado na creación da feira e firme defensor da súa consolidación en Pontevedra, Bragado dá o relevo convencido de que o evento é xa un referente.

Como diría que encara o Culturgal o seu décimo aniversario?

Culturgal foi primeiro un soño, despois unha arela e agora, despois de dez anos, sobre todo despois de que en 2010 se creara a asociación e a feira se radicara en Pontevedra de xeito estable, é unha consecución colectiva. E ese é o gran valor de Culturgal, o seu xeito de facer. Ese que leva a xuntarse aquí a máis de 120 empresas de ámbitos diversos da industrias culturais, máis cinco asociacións deses ámbitos, máis catro administracións públicas diversas, Xunta, Concello, Deputación e Goberno de España, máis arredor de 15.000 persoas de diferentes tipos de públicos, do familiar ao profesional. Entre todos fixemos deste un espazo de encontro.

Que caracteriza a organización do evento?

Para min, a ambición de facelo cada ano de xeito máis orixinal mantendo o diálogo entre empresas, administracións e públicos. É algo ao que nós lle damos moitísima importancia. E así chegamos a este Cultur-dez, roubándolle a palabra a Ramón Rozas, que así o bautizaba hai días do Diario de Pontevedra. Seguimos traballando porque nunca estamos satisfeitos.

Que lle falta a Culturgal? Que ten pendente?

Temos moitos retos. O principal é dialogar cada ano coas industrias culturais, que están inmersas nun proceso de cambio. Temos que acompañar ese proceso de hibridación tanto dixital como de público que se está a vivir na industria cultural. A feira ten que acompañar ese proceso porque Culturgal ten que ser radicalmente contemporáneo. Necesitamos máis pantallas e novos públicos. Culturgal non se pode acomodar nin conformar. Despois, Culturgal necesita tamén unha maior implicación do sector privado.

E mover máis volume de negocio?

Na medida en que consigamos ampliar a feira estou convencido de que a faremos aínda máis rendible e sostible.