Opinión

Marabilla

NON SE entende moi ben, pero non importa. Adiante! Con valentía, con garbo e con certo aire de desaliñado el sempre vai en cabeza, coma o líder que arrastra detrás de si á totalidade da cidadanía, sexa moita ou sexa pouca. Exactamente igual ao que lles gustaría facer aos líderes políticos do noso impaís. Maldito sexa o demo!, digo eu. Vaia por Deus! A cidadanía arrastrada fai o imposible por seguir o camiño delimitado, sen desbrozar, diáfano, opaco e, incluso, perigoso. A cidadanía ten moito que falar e cala, ten moito que aprender e aprende. Daquela, os mercachifles atoparán dificultades para os seus negocios, por boiantes que sexan, para a amasada, sen xeito e sen dereito.

Os dereitos á dignidade e ao valor de nós deben superpoñerse a calquera norma, dítea quen a dite, aínda que sexa o Maestro Armeiro

 

Nada importa, o motivo tampouco é fundamental. Está aí a situación despexada. Clarividencia total na paisaxe e na redonda. O líder vai polo sendeiro marcado, vai pola ruta predeterminada, independentemente de cal sexa a orientación que segue a cidadanía, á que precisamente se debe en corpo e alma. A cidadanía manda e eles, os máis poderosos tamén mandan. Se mandaran ben, como di a Tía Manuela, sería unha marabilla, un orgullo para os mandados, para os que teñen a obriga de seguir os pasos ben guiados.

Uns mandan e outros toman as decisións importantes, aínda que como explicaba Ortega y Gasset "o mando debe ser un anexo da exemplaridade" e quen manda debe ser modelo, debe guiar ao rabaño pola verea adecuada, pola senda firme e polo camiño dereito. Quen manda ten a obriga de aumentar, agrandar e protexer á colectividade que obedece. E, quen obedece ten o dereito de ser respectado, ben tratado e ben coidado.

Estamos entre deberes e dereitos. A confluencia dos dous fai que os humanos sexan seres libres, dependentes e independentes ao mesmo tempo, á marxe das administracións, dos gobernos e do que pensan os que pretenden unicamente a liberdade do seu bandullo. Independentes e dependentes tamén á marxe do que pregoan as normas, por oficias que sexan. Os dereitos á dignidade e ao valor de nós deben superpoñerse a calquera norma, dítea quen a dite, aínda que sexa o Mestre Armeiro ou calquera dos que andan co botafumeiro.

Comentarios