En Marea aborda a saída de Luis Villares como portavoz parlamentario tras o 28-A

Os deputados do grupo parlamentario afíns a EU e Podemos barallan colocar a Manuel Lago no posto

Luis Villares y la diputada Paula Quinteiro a la salida de la reunión del grupo de En Marea. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Luis Villares y la diputada Paula Quinteiro a la salida de la reunión del grupo de En Marea. XOÁN REY (EFE)

O grupo parlamentario de En Marea convocou unha reunión extraordinaria este martes na que se abordará a saída de Luís Villares como portavoz na Cámara galega, cargo que podería asumir o deputado Manuel Lago, vencellado a Esquerda Unida. 

Fontes do grupo rupturista confirmaron a Europa Press que a reunión, promovida por Podemos e Esquerda Unida, celebrarase ao termo do pleno ordinario do Parlamento de Galicia e conta con único punto na orde do día: a remodelación das portavocías e da configuración do grupo. 

Deste xeito, os deputados críticos con Villares, que conta unicamente co apoio explícito de tres parlamentarios na Cámara, pretenden forzar a saída do maxistrado lucense como portavoz do grupo de En Marea, segunda forza da Cámara galega con 14 deputados, os mesmos que o PSdeG. 

Así as cousas, os deputados de Podemos e Esquerda Unida barallan situar a Manuel Lago, de perfil independente aínda que vencellado a EU, como substituto de Villares á fronte do grupo, aínda que tamén está sobre a mesa a posibilidade de que o cargo de portavoz pase a ser rotatorio, segundo fontes consultadas por Europa Press. 

A fractura interna de En Marea quedou explicitada nestas eleccións xerais coa división do proxecto da chamada unidade popular en dúas candidaturas. Hai un ano, o episodio da deputada Paula Quinteiro evidenciou as discrepancias existentes no grupo parlamentario, que chegou a ignorar o ditame emitido pola dirección política do partido instrumental, configurado por afíns a Luís Villares. 


A correlación de forzas no grupo decántase ao lado dos críticos con Villares, que unicamente goza do respaldo explícito de tres dos 13 deputados de En Marea no Pazo do Hórreo: Paula Vázquez Verao (Cerna), Davide Rodríguez (Anova, aínda que crítico coa súa dirección) e Pancho Casal.

Este último desvinculouse o pasado verán de Podemos Galicia, organización na que militaba, para situarse ao lado do maxistrado lucense.

Reunión do Consello das Mareas
Pola súa banda, fontes próximas ao actual portavoz precisaron a Europa Press que a formación decidiu convocar unha reunión do Consello das Mareas a última hora deste luns para abordar a convocatoria deste encontro promovido por Esquerda Unida e Podemos. 

Con todo, polo momento, declinaron pronunciase sobre a posibilidade de que estes partidos, cos que até agora comparte grupo parlamentario, queiran promover o seu cesamento como portavoz e emprazou á xornada do martes para facer valoracións.

 

A ruptura pasa factura
Os resultados que arroxaron as eleccións xerais deste domingo, nas que as forzas que forman o grupo parlamentario en Galicia concorreron por separado –EU e Podemos formaron a coalición En Común Unidas Podemos, os afíns a Villares quedaron coa marca En Marea e Anova non se presentou– aceleraron a convocatoria desta reunión. 

E é que na cita coas urnas, mentres que En Común conseguiu facerse cun escano pola Coruña e con outro por Pontevedra, en En Marea foi sétima forza, por detrás de Vox, co 1% dos votos –menos de 18.000–. 

A ruptura do grupo parlamentario sobrevoou por encima de toda a campaña electoral. Con todo, a decisión sobre o futuro de Villares quedou aparcada durante os últimos días 15 días para evitar un posible efecto nos resultados. 

Comentarios