En Marea pedirá que se declare zona catastrófica Paramos-Guillarei

"A Xunta está a facer propaganda asegurando que xa están abonadas as axudas, pero isto é unha mentira porque segue habendo familias que non recibiron todas as axudas", asegura Villares

El portavoz de En Marea, Luís Villares. XOÁN REY (EFE)
photo_camera O portavoz de En Marea, Luís Villares. XOÁN REY (EFE)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou este domingo que a súa formación pedirá a declaración de zona catastrófica Paramos-Guillerai, a área afectada pola explosión de material pirotécnico o pasado mes de xuño e que causou a morte de dúas persoas, numerosos feridos e a destrución de vivendas.

No transcurso da manifestación convocada este domingo en Tui pola Asociación de Afectados de Paramos, Villares e Alexandra Fernández, deputada por En Marea no Congreso, apoiaron as reclamacións deste colectivo e anunciaron que se pedirá tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso que se fagan efectivas as axudas tal e como foron prometidas e que se declare zona catastrófica Paramos-Guillarei.

"A Xunta está a facer propaganda asegurando que xa están abonadas as axudas, pero isto é unha mentira porque segue habendo familias que non recibiron todas as axudas", indica o portavoz de En Marea nun comunicado.

Tamén reclamou Villares que se preste axuda psicolóxica ás vítimas, "que a Xunta –indica– está a se negar a conceder a pesar de que recoñeceu que era necesaria".

Alexandra Fernández, pola súa banda, avanzou tamén que a formación solicitará do Goberno central que se declare Paramos-Guillarei como zona catastrófica, o que á súa entender favorecería a xestión das obras por facer e da xestión das axudas. 

Fernández sinalou que ata agora "En Marea estaba a conceder ao novo Goberno un tempo de graza para tomar a decisión, pero os veciños están nunha situación de urxencia e o Goberno debe tomar as decisións xa".
 

Comentarios