As Mareas seguen subindo

A Asamblea Cidadá de Bueu asinou o acordo para unirse a En marea

Luís Villares, presenciou a sinatura do acordo de colaboración. M.A.
photo_camera Luís Villares, presenciou a sinatura do acordo de colaboración. M.A.

Tecer redes, atar cabos, enlazar mallas. Así definen os membros de En Marea o traballo que están a levar a cabo para agrupar a diversos colectivos locais nas súas redes e crear unha gran marea que triunfe nas eleccións municipais de 2019.

O sábado foi a Asamblea Cidadá de Bueu (ACB) a que asinou o acordo de colaboración con En Marea para as eleccións municipais de 2019, de xeito que o partido autonómico lle dará cobertura, apoio e medios á formación da localidade do Morrazo para loitar pola alcaldía nas municipais de 2019.

Coa súa sinatura, ACB segue o camiño iniciado pola Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas e Lugo Novo que xa traballan baixo o paraugas de En Marea, formación que seguirá conformando unha rede de apoios e colaboración para as eleccións coa adhesión de novas mareas municipais, se así o solicitan, nos vindeiros meses.

A Sala Amalia Domínguez de Bueu acolleu o acto da rúbrica do protocolo no que participaron o voceiro de ACB, Xulio Villanueva, o seu compañeiro Xosé Manuel Bacelar, o voceiro de En Marea Luís Villares, e as vicevoceiras Ana Seijas e Victoria Esteban.

Villanueva amosou as súas ganas e ilusión por un proxecto de esquerda, pero tamén asegurou sentirse "defraudado", porque esperaba "encher esta sala con xente de Bueu, pero a maioría dos que aquí estades sodes xente da Marea". Logo de pedir que "a marea siga subindo" deixando atrás todos os problemas que poidan existir dentro do propio partido, dixo sentirse orgulloso "da nova Marea que somos" e avogou por seguir traballando xuntos para loitar contra "o cancro do PP". Seguir un xeito diferente de política é o fin da Marea de Bueu, pois Villanueva apuntou "queremos ser a voz de Bueu, unha vila gobernada pola esquerda, pero que aplica medidas da dereita como privatizacións ou recortes".

Trala sinatura do acordo, o voceiro de En Marea Luís Villares pechou o acto citando a definición de Carl Sagan do universo como un todo diverso xirando ao unísono nun movemento harmónico. "Esa é a idea que En Marea quere levar por todo o país", incidiu o voceiro e apelou a este proxecto republicano de En Marea como "un proxecto transformador que nos fai realmente distintos e no que primeiro hai que desaprender para aprender de novo".

Comentarios