María Solinha na Praia de Cesantes

A Illa de San Simón, a praia de Cesantes, a vila de Redondela, Cangas e as Illas Cíes son algúns dos escenarios da nova película do director Ignacio Vilar
A actriz Mabel Rivera durante a rodaxe de 'María Solinho'. RAFA FARIÑA
photo_camera A actriz Mabel Rivera durante a rodaxe de 'María Solinha'. RAFA FARIÑA

"María Solinha é unha muller que loitou por ser libre e foi acusada de ser bruxa e queimada pola Inquisición", asegurou Ignacio Vilar este xoves na praia de Cesantes durante a rodaxe da súa nova película. María Solinha é a protagonista da historia que Vilar quere recrear no filme, o cal conta cunha minuciosa selección dun conxunto de escenarios galegos moi representativos. "O que me leva ás localizacións é a historia. Para min a paisaxe é esencial porque cando ubicas a película faise realidade", apuntou o director.

No día deste xoves o reparto deixouse ver pola Illa de San Simón e a praia de Cesantes, uns dos lugares, que tras tres intensos meses, Vilar seleccionou para gravar algunhas escenas do filme. "Tanto a María Solinha do século XVII como a do XXI foron atacadas polo dragón [Coca] e por iso estamos a gravar en Redondela", comentou Vilar. Aínda así, estes non son as únicos paraxes que se verán reflectidas na longometraxe: as Illas Cíes, os arredores de Redondela e Cangas, son outras das zonas que o équipo percorrerá para gravar algúns planos. "Algún destes lugares representan os sitios concretos onde determinados feitos que se relatan na película sucederon na realidade. Cobran un valor aínda maior. San Simón non é unicamente unha illa, representa cousas importantes para o fío condutor do que se quere advertir con esta película", indicou a actriz Mabel Rivera.

A rodaxe do filme está avanzando sen moitos inconvenientes e cun ambiente moi bo, cargado de entusiasmo e ganas de avanzar. Aínda así, Mabel asegura que "nunca ten unha sensación fiable" do que se vai gravando porque as actrices, coma ela, non o están vendo. Ademais, "esta película ten unha dificultade engadida. Non só contamos unha historia, senón que tamén estamos plasmando algo máis. Esa historia vén dun lugar e vai ata outro", apuntou. Por outra banda, o clima galego estase portando ben e está permitindo levar a cabo a rodaxe sen moitos problemas meteorolóxicos."Eu creo que María Solinha nos está acompañando e entón somos invencibles", asegurou o director.

O equipo técnico está formado por unhas 40 persoas que axudan en ámbitos moi diferentes. O reparto é moi variado e completo, composto por non máis de 30 actores galegos, de idades e traxectorias diferentes. "Todos somos de procedencias moi diversas e para min, como actriz dunha idade avanzada, unha das cousas máis estimulantes é traballar con xente coa que nunca traballei e, especialmente, que sexan persoas tan novas", comentou Rivera. A actriz asegura que as diferenzas de idade son moi beneficiosas e fanlle crecer máis no seu traballo. "Temos coñecementos e formacións diferentes e procedemos de mundos distintos. É moi interesante poñer todo isto en conexión", engadiu.

Ignacio Vilar: "Tanto a María Solinha do século XVII como a do XXI foron atacadas polo dragón [Coca] e por iso gravamos en Redondela"

Na outra vertente atópase unha das protagonistas principais, Grial Montes, unha moza de 22 anos que se estrea no mundo da interpretación neste filme. "La verdad es que me lo están poniendo muy fácil. Mi compañera Laura Míguez [la otra protagonista de la película] me está ayudando muchísimo", asegurou. Poder participar nunha longometraxe de Ignacio Vilar é unha oportunidade que agradece e asegura que lle enriquecerá persoalmente. "Hay un clima de compañerismo muy bonito. Si falla uno, fallamos todos porque somos un equipo", confirmou.

O obxectivo de María Solinha e, en xeral, das películas de Ignacio Vilar é moi concreto. "Encher as salas e que o espectador saia emocionado".

Comentarios