María Varela: "Acabe onde acabe, Pontevedra será sempre a miña cidade"

A xornalista María Varela inaugurará as Festas da Peregrina cun discurso que estará cheo de agradecementos á cidade que a acolleu ► Redactora xefa de Diario de Pontevedra e gañadora do premio de xornalismo Fernández del Riego, exerce o periodismo local dende hai dúas décadas

NUN ANO no que as mulleres dan un paso adiante para acupar o espazo público que lles corresponde, o Concello de Pontevedra aposta pola xornalista María Varela para ler o pregón das Festas da Peregrina. No seu discurso non faltarán as palabras de agradecemento a unha cidade que xa é súa.

Lucense e pregoeira das Festas da Peregrina en Pontevedra. Como é iso?
O Concello quería alguén que estivese vencellado a Pontevedra, aínda que non fose de aquí. De feito, eu represento a toda esa xente que vén de fóra e que atopa en Pontevedra o seu sitio. No meu caso, eu cheguei hai case dúas décadas. Aquí desenvolvín o meu traballo como xornalista, formei a miña familia e teño aquí a miña vida.

É unha cidade pola que sente moito cariño.
Por suposto. Ademais de ser un lugar que me gusta moito pola calidade de vida que ofrece. Pero non é só a cidade en si, tamén o dinamismo que ten: é moi activa e cultural. Ademais, para min Pontevedra supuxo moitas cousas. Cheguei nunha época moi importante, porque eran os inicios da miña profesión. Logo xa viu todo o demais, como a familia. Un nunca sabe onde vai acabar, porque poden pasar moitas cousas, pero eu sei que, acabe onde acabe, Pontevedra sempre será a miña cidade.

Este é un momento moi especial para vostede. O ano pasado recibiu o premio de xornalismo Fernández del Riego e agora é recoñecida pola cidade sendo pregoeira. Como se sente?
Profesionalmente, cando recibín o premio, púxenme moi contenta e foi un impulso para seguir traballando. Que recoñeceran un artigo meu foi unha forma de valorar o traballo das mulleres columnistas. Agora quero continuar con ese compromiso de seguir opinando e sacando temas ou falando de realidades que nos afectan ás mulleres. Ademais, no que se refire ao pregón, sentinme moi abrumada cando me deron a noticia. Ao mesmo tempo, estou moi honrada e feliz. Que o Concello pensara en min paréceme moi gratificante. Moitas veces penso noutra xente que tamén vive esta cidade e traballa nela. Esas persoas tamén poderían ser moi bos pregoeiros ou pregoeiras. Comprobar que hai persoas que pensaron en min no mesmo sentido é un orgullo.

Que importancia ten que sexa unha xornalista a que dá o pregón nun tempo no que esta profesión está tan desprestixiada?
A min paréceme moi boa idea porque a materia prima coa que traballamos os xornalistas é a cidade, por iso estamos tan conectados con ela. Somos os que máis sabemos do que ocorre a nivel político ou social. Pero tamén sabemos das cousas pequenas e intentamos dar voz aos protagonistas da urbe. Os medios locais, que somos os máis próximos á realidade de aquí, seguimos o pulso do día a día da actualidade. Se iso vale para darlle valor á nosa profesión, mellor.

A cidade é a materia prima coa que traballamos os xornalistas locais, por iso estamos tan conectados con ela

E tamén confirma que o xornalismo local é un axente social máis.
Claro. Un medio como Diario de Pontevedra xa forma parte da cidade, non se entendería Pontevedra sen este periódico.

Dende o 8 de marzo as mulleres están saltando á palestra pública cada vez máis. Séntese parte dese movemento de mulleres que dan un paso adiante e reclaman o seu sitio?
Ser pregoeira sempre é unha honra, pero este ano faime especial ilusión por iso. Estamos nun momento moi especial na loita pola igualdade, que está aquí dende hai moito tempo pero que se fixo máis presente dende o 8 de marzo. Parece que cada vez as mulleres acadamos máis visibilidade e esta é unha oportunidade para facelo. Eu aproveitarei o meu traballo e as miñas intervencións para traballar nesa dirección. Cando saia ao balcón en Mugartegui fareino en representación das mulleres en xeral, especialmente das xornalistas. Agora mesmo hai varias redes de xornalistas galegas que traballan para cambiar a situación tamén desde os medios de comunicación.

O pregón
"Tentarei que as mulleres esteamos representadas no balcón de Mugartegui"

De que vai falar no pregón?

Aínda non sei moi ben como vou facer, pero será un pregón con moitas palabras de agradecemento e amor para Pontevedra. Eu nesta cidade síntome moi ben e quero facelo saber na inauguración das festas. Tentarei que o pregón estea á altura dos pontevedreses e das pontevedresas e do que merece esta cidade. Ademais, será un texto festivo, porque diso se trata, de festexar as festas.Tentarei que as mulleres esteamos representadas no balcón de Mugartegui da mellor maneira, tamén os xornalistas e todas as persoas que veñen de fóra e atopan o seu sitio en Pontevedra.

Vaise poñer nerviosa?
Recibir as festas grandes de Pontevedra é toda unha responsabilidade, claro que vou estar nerviosa. Ademais de ser unha honra a nivel persoal, teño que ter presente que para a xente de Pontevedra a lectura do pregón é un momento moi importante.