"María Victoria Moreno soñaba e facía soñar"

A Casa das Campás acolle a presentación dun monográfico sobre a pontevedresa homenaxeada no Día das Letras Galegas ▶ O volume está composto por oito reflexións sobre a súa biografía, a súa obra, a condición de muller e o plano didáctico da autora

Presentación do monográfico sobre María Victoria Moreno. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Presentación do monográfico sobre María Victoria Moreno. OLGA FERNÁNDEZ

"Soñaba e facía soñar", contou este luns o escritor Antonio García Teijeiro sobre María Victoria Moreno na presentación do monográfico Renacer á descuberta das palabras, que se presentou na Casa das Campás de Pontevedra.

No acto de presentación do mesmo estiveron o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña; o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; a coordinadora do monográfico, Mercedes Queixas, e un dos autores do mesmo, Antonio García Teijeiro. O volume reúne oito reflexións de autores que afondan na biografía de María Victoria Moreno, a súa obra, a súa condición de muller e máis o seu papel de mestra. Os que asinan os artigos son Montse Pena Presas, Fina Casalderrey, Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Susana Aríns, Carme Vidal, Mercedes Queixas e Eli Ríos.

DÉBEDA. "Sempre se di que a relación de María Victoria Moreno con Galicia é unha historia de amor, dicíao ela e converteuse no lema deste ano que quedará para o futuro. Xa nos era moita hora de devolverlle a María Victoria Moreno ese amor", explicou a coordinadora do monográfico, Mercedes Queixas.

Pola súa banda, García Teijeiro recordou algunha das anécdotas xunto á escritora e definiuna como unha muller forte e con sensibilidade, que deixou unha literatura próxima á xente, coidada, que emocionaba e que buscaba ser lida. Falou da súa faceta máis persoal e do seu carácter xeneroso. "Desprendía un afecto que te cegaba", resumiu o autor, que engadiu que María Victoria Moreno era unha muller que quería moito: "á familia, aos seus alumnos, aos animais...". Referiuse tamén á querencia da mestra polos cans, aos que lles escribía poesías.

Comentarios