María Victoria Moreno xa ten unha placa no edificio no que residiu en Pontevedra

O número 15 da avenida de Vigo acolleu un sinxelo acto ao que acudiron familiares seus

Descubrimento dunha placa na memoria de María Victoria Moreno. RAFA FARIÑA
photo_camera Descubrimento dunha placa na memoria de María Victoria Moreno. RAFA FARIÑA

O Concello de Pontevedra volveu homenaxear este martes a María Victoria Moreno. Foi a través da instalación dunha placa no edificio no que residiu, situado no número 15 da avenida de Vigo. "Nesta casa viviu María Victoria Moreno". Esa é a mensaxe que se le xa na que fora a súa vivenda.

Ao acto acudiron o seu viúvo, a súa filla e a súa neta. Tamén varios concelleiros pontevedreses, do goberno e da oposición, e o presidente da Real Academia da Lingua, Víctor Freixanes.

A homenaxe produciuse días despois de que se inaugurara a avenida que leva o nome da escritora, homenexeada este ano no Día das Letras Galegas, no barrio de Campolongo. 

Ao descubrimento da placa non puido asistir o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edila de Cultura, Carmen Fouces, adicoulle unhas verbas no seu nome:

D71K9126
Se hai unha protagonista absoluta neste ano en Pontevedra, ela é María Victoria Moreno. E non só por dedicarlle a nosa gran festa literaria, senón sobre todo por ter a oportunidade, ampliada pola enorme visibilidade que lle dá a Real Academia Galega, de situala no lugar que debe ocupar dentro da cultura galega. 
 
Moreno é todo un exemplo de integración na nosa vida colectiva, de compromiso, de ecoloxía cultural. Un chegar e identificarse coas substancias máis doces do noso país: a súa lingua e a súa literatura. 
 
Un exemplo de entrega ás letras galegas dunha estremeña de nacemento que vén demostrar a tantos fillos desleigados de Galiza que a nosa lingua é valiosa non xa para seguir o normal desenvolvemento xeracional, senón tamén para ser adoptada por persoas que, nacendo castelán falantes normalízanse en galego sen drama ningún. 
 
A súa produción literaria propia, as súas traducións, a súa docencia, o seu labor cultural, son chanzos dunha vida entregada á supervivencia cultural de Galiza a través dun labor abnegado e teimudo: ensinar, prender a luz aínda nun escenario de tebras como o último terzo do franquismo, remar a prol do desenvolvemento humano e cultural das xentes da súa cidade, do seu contorno. 
 
Mª Victoria foi, ademais, unha namorada de Pontevedra e das súas xentes. As nosas rúas, prazas e parques polas que paseaba a diario, soa ou acompañada dos seus cans, as longas conversas coas amizades na libraría Seijas... Se hoxe estivese entre nós, de seguro que se atoparía leda de termos recuperado entre todas e todos, de facérmola segura e habitable. Cumprimos, como ela escribiu,  “a tarefa  de facer as nosas rúas gratos lugares de leria, de paseos e de encontros, de lecer e convivencia”. 
 
Grazas a MVM, que proseguiu o intenso labor de Bóveda e Castelao, e de moitos outros referentes da Galiza máis lúcida, somos un pouco mellores, un pouco máis entregados ás grandes causas da recuperación cultural do país. 
 
Nun día como o de hoxe, rendimos a María Victoria un tributo de homenaxe e identificación coa cidade que tan orgullosa se sente de tela tido como veciña, mestra.